Faíscas


                          Unha bágoa soia.
Unha pena outa.

No teu mar lonxano
dorme a miña dorna.

Xogando co vento
lizgairas gueivotas.

As ondas ceibando
xerfa na marola.

Unha garnicela
morrendo na encosta.

Unhos cativiños
xogando a caneola.

Unha raioliña
bicando a lagoa.

I eu lembrando ondiñas
do teu mar doutrora
aloumiño a pena
desa bágoa soia.

Charetas


                     O tren pola vía.
A dorna na ría.

Deitada na area
a doncela esguía.

Nun souto lonxano
canta a cotovía.

Ruve polo ceo
a lúa despida.

A noite arrecende
a fror montesía.

O mouro morcego
agoira andavías.

Deitada na praia
dorme a rapariga.

Eu agardo a leda
luzada do día
fitando á doncela
que foi miña amiga.

O tren pola vía.
A dorna na ría.

Alalas pra Elviriña


                     Elviriña.
Queridiña.
Volvoreta.
Caravel.
Miña xoíña
raiña
de cantas nenas eu sei.

Moneca de catro aniños.
Fadiña pequerrechiña
deste meu cantar inxel.
¡Quen me dera ser poeta
pra gabar a túa beleza
con doces verbas de mel!

¡Quén me dera ser troveiro
pra cantá-los teus olliños
con versos feitos de vento!

¡Quén me dera ser xograr
pra louvá-lo teu sorriso
con versos feitos de mar!

¡Quén me dera ser paxaro
pra aloumiñá-lo teu sono
co aloumiño do meu canto!

¡Quén che me dera
poder ser poeta
para compor cantigas
á túa beleza!

Paisaxe


                     Un camiño longo
durmindo senlleiro
baixo un ceo morto.

As abidueiras
ergueitas ó rente
                          do teu río fondo.

                          As agras deitadas
                          á carón dos soutos.

                          Espantallos quedos
no medio dos hortos.

Ollando a pranura
o monte Montouto.

No ar silandeiro
paixariños tolos
e por un carreiro
que nin ten recordos
nin leva a ningures
eu
coa dor ó lombo
i o corazón orfo.

Salaios


                     A fror da cantiga
pendurada no vento.


A rosa do poema
murcha no pensamento.

O verso morto no silenzo.

I o teu río correndo.