Prego



¿E Tí, Señor,
tamén me esquecerás
no intre da morte derradeira?
¡Tantas mortes morrín ...!
¿Non foi dabondo?
¿Esqueceráste tamén
de que fun neno?

Poema pra un fillo meu




Pró meu fillo Xosé Luis, poeta á
súa maneira, e dicir, poeta puro.



Fillo:
Vai en nós o relembro
e facémolo versos.
¿Prá qué facer máis nada
si mañá
seremos pó no vento?

Chámome Fidelidade



Chámome Fidelidade.
Non sei esquencer.
Co tempo
van medrando en min os ontes
a señardá
i o relembro
da iauga dos regatiños
que che facían de espello
mentras os peites do brís
xogaban a peitear
a fraga dos teus cabelos
e agromaba nos teus ollos
non sei que lus anceiante
de anxos que non naceron.
Chámome Fidelidade.
¡Qué non me falen do esquenzo!

Cada verso unha morte



Cada verso unha morte
e van milleiros ...
¿Cómo se pode non morrer coa pena
de carretar ó lombo tanto morto?

Relembro



Pola Rúa das Frores
envolto no silenzo
pasóu lembrando antontes
o meu corazón de neno.


¡Cómo me firen na ialma
  os coitelos do relembro!
¡Ai do corazón que xa morréu!
¡Ai do corazón que xa non teño!

Vellez



Xa teño sulcos na pel ...
aróuma a vida
i o tempo sementóu nos regos fondos
semente de soidades.
Virá pró mes da sega a miña morte
seiturar o meu corpo de herba seca.
A colleita chamaráse señardá
e ninguén se lembrará de que fun home.