Do antroido Vilalbés e un pouquirrichiño máis



O dazasete de maio do ano 1973 saléu á rúa o libro CHARETAS, que non é nin máis nin menos que a recolleita que eu fixen dos poemas galegos de meu pai que puiden atopar estrados polo mundo. Moitos deles, a maor parte, xa foran pubricados en revistas e xornás villalbeses e doutros pobos e cidades de Galiza, outros en pubricaciós do alén mar e algunhos, os menos, non sabendo se foran pubricados púxenos como inéditos, partindo dos vellos papés, xa mareliños polo paso do tempo, onde o autor os fora escribindo do seu puño e letra. Eu penso que inda ten que haber moitos poemas de meu pai que non foron atopados por mín e que cecáis xa non poda atopar no que me resta de vida. Nembargantes, teimando na miña laboura, oxe é o día en que podo amosar unha composición enteira e anaquiños de outras dúas coas que enfuciñéi remexendo papés vellos co aquel de axudarlle ó estudante universitario Xosé A. Pombo, que tencionaba facer e rematóu facendoo un pequeno estudo encol da vida e da obra de Antonio García Hermida, meu pai, que en paz esteña.
A composición que vos digo atopamola enteira o Pombo e máis un servidor de vostedes foi feita por García Hermida, xuntamente cunha JOTA, e cun VALS en castelán, prá comparsa LOS LANCEROS DE LA GUARDIA, co gallo do Antroido de 1916, e pubricóuse en folla voandeira pra que os lanceiros puideran tocala e cantala polas rúas da nosa vila e se cadra, que moitos anos cadraba, en Viveiro e en Ortigueira. A música púxolla, coma sempre mentras folguexóu, meu abó Santiago Mato, e co tíduo de DANZA di eisí:

I
Os rapaces de amor cobizosos
Nistas festas de gozo e pracer,
   As meniñas moi ledos cantamos
   Os feitiños que encerra o querer.

II
Escoitade istas cántigas tenras
Que revelan da ialma as pasiós
     I alentade ós rapaces no Antroido
Despertando no peito ilusiós.

III
Deixade xoiiñas
     Que dóce cantemos
   A vosa hermosura
  Que groria da ver
 Mirade alegriñas
       Surrindo á comparsa
      Que a lus disos ollos
   Ten grande poder.

I
   O que busque ventura compreta
A istas nenas terá que adorar,
           A istas nenas que son coma os anxes
Que namoran namáis co mirar

II
     Coa surrisa nos labres bermellos
    Cunha gracia que é todo dulzor,
      Con un brilo de estrelas nos ollos
Falan sólo de vida e de amor.

III
    Garridas as nenas
Da nosa terriña
              No mundo no hai outras
        Que máis podan ser.
           No peito no hai penas
         Si estando ó seu lado
        Os mozos consiguen
Facerse querer.

            Decatámonos doadamente de que ista DANZA compónse de dúas partes que á súa vez dividense en tres. Vemos tamén que García Hermida teima en cantar ás rapazas villalbesas i en consideralas as máis fermosas do mundo. Eu coido que sería como oxe, que hai de todo, pois en todas partes cocen fabas. Temos que pensar, noustante, que Toniño da Ponte era un home moi sinxelo e que pra él calquera cousa que fora de Villalba xa era “a millor do mundo”.
            A primeira das composiciós das que somentes atopamos anaquiños leva o tíduo de A SEGA, e dí:
               ¡Dios que me deu! canto sofren
         Os probiños dos labregos.
              Canto sudan, canto agoantan
          Traballando coma negros.

       Debruzados sobre a terra
          non conta siquera o tempo
         que lles falta para acabare
           A tarde que van morrendo.

    Caen as espigas a feixe
      Caen as espigas a centos
         I as fouces sin descansare
             Pasan duns pra outros regos.

                   ¡Dios que me deu! ¡Qué traballos!
¡Qué fatigas e sudores
       sobre a terra dobregados
     pasan, ai, os segadores!
 Tóstalles a cara o sol
          E ponos cal negrumantes...

            Vese moi ben que o poema ficóu sin rematar ou perdeuse a folla onde seguía, pois denantes do empezo desta composición está a letra do XAN LABREGO, que figura no CHARETAS na súa totalidade.
            Da terceira composición só temos un cachiño pequerrechiño, Iste:
  
       Todo cuberto de froles
         Feiticeiro está o xardín,
        Todo cuberto de froles
      Os bicos do sol surrí.

            Entre as rosa milagreiras
         Que falan sólo de amor
         Aquilas de roxo oscuro
     Son amantes corazós.

            Istes versos de García Hermida que eu aínda non descobrira cando se pubricóu CHARETAS, fican eiquí pró porvir agardande que alguén os incruia chegado o caso nunha nova edición do libro.

De cando Vilalba festexaba o Mayo


 
O MAYO é unha das máis fermosas e tradicionás festas galegas que na Vila Alba foise arrecunchando, esvaíndo, esmorecendo, deica que se rematou por esquecela enteiramente, de tal xeito que hoxe ninguén se lembra dela e moitos nin sequera saben que a houbo.
O MAYO é unha de tantas feiticeiras tradiciós do ricaz pobo galego que, coma AS MARZAS, que era unha festa semellante, nos tempos que corren somentes se celebra en moi poucas vilas galegas. E mágoa, pro as cousas son eisí e non hai que darlle voltas ó veo. Son cousas que veñen, ou millor dito vanse, co «progreso». As tradiciós, por belidas, por fermosas, por feiticeiras que señan, non sinifican ren pra sociedade de consumo. Hai quen dí que iso é bon. Eu penso todo o contrario. O tempo dirá quen ten razón. Pro... imos falar do que era O MAYO na Vila Alba, pois non val de nada queixarse e cecais valla pra algo o relembrar esa festa que, vindo do fondo lonxano dos séculos, aínda tiñan folgos, aló polos anos vinte, na leda e churrusqueira Vila Branca.
¿E cómo era logo O MAYO villalbés señor García Mato? Faga vostede o favor de contárnolo axiña e déixese de requilorios –dirá, impaciente, o lector deste traballo.
Pois ben, seguindo co conto, han de saber vostedes que O MAYO celébrase en Villalba dende tempos moi recuados de nos, xa que non se coñece a orixen desa anterga tradición, do xeito seguinte: Un fato, unha troupelada de rapaces, saía á rúa o día primeiro do mes das frores arrodeando a un deles –O MAYO– que ía todo enfeitado de frores e ramallos e follaxe. O MAYO ía a hombreiros dunhos cantos compañeiros ou nun carriño e os rapaces poñíanse a cantar á porta dos veciños, a berro pelado, canciós das que un pouquichiño máis adiante poñerei algun exempro. Os donos das casas diante das que cantaba o fato de rapaces agasallábanos con noces, figos pasos, avelanas, crocas –das que fala Curros– e outros froitos que tiveran á mau. Todas esas lambadas e larpeiradas arrebolábanas á rúa dende os balcós e as fiestras das casas í entón os rapaces, pra facerse con elas, entoaban cómicas liortas que facían estalar ó púbrico en gargallas í enchíano de ledicia.
Non se sabe que inxenio popular, que descoñecido poeta, troveiro ou xograr, inventou unhas copras moi orixinales que se cantaban tódolos anos case sin variaciós. Eis algunhas que son o único que nos quedou como recordo do tradicional MAYO:

Ahí ven O Mayo
Cuberto de frores;
Ahí ven San Juan (1)
Con outras millores
– *–
Donde fuche Mayo
Que tanto durmiches?
Pasou Abril
E tú no-no viches.
– *–
Ahí ven O Mayo
Por tras do Puxigo (2)
Comendo o pan
E máis o touciño.
–*–

Touciño podre
E pan varulento.
Tiren castañas
Que cheguen a drento.

As derradeiras copras que rematamos de ler teñan sin dúbida un fondo de verdade pois queren decir que O MAYO, ou seña a PRIMAVEIRA, chega xurdindo das tristuras do inverno e manténdose dos seus froitos xa revellidos ó mesmo tempo que se desexa abundancia nas novas colleitas por facer. Os rapaces que ían co MAYO, en moitos casos, adoitaban de axeitar as súas canciós ós donos da casa diante da que se detían. Meu pai, cando estaba de boas, tiña o costume de cantar estas copras do Mayo villalbés, das que aínda me lembro tamén da música:

Tire castañas señora Dolores
Tire castañas da hucha das frores.
Tire castañas señor coronel
Tire castañas da hucha do mel
Este é o Mayo Mayiño é
Este é o Mayo que andaba da pé.

As copras ó señor coronel veñen ó caso porque nos derradeiros anos do século pasado houbo en Villalba o cadro compreto de xefes e oficiás dun batallón de reserva e as copras do Mayo chegábanlles coma a cadaquén. As adicadas ó comandante eran estas:

Tire castañas señor comandante
Tire castañas que cheguen adiante.

Daquela, ademáis dunha señora Dolores, tiña que haber tamén en Villalba unha señora Teresa, pois adicábanlle estos versos:

Tire castañas señora Teresa
Tire castañas do fondo da artesa.

E, polo visto, denantes de todas esas copras ían outras «moi picarescas» das que somentes sei que sempre escomenzaban desta maneira:

Este é O Mayo, Mayiño é
Este é O Mayo que andaba de pé.
E víste-lo Mayo, e víste-lo ben...

Os irmaus Mato Vizoso –Manuel a letra, e Santiago á musica– compuxeron pra orfeón unha peza co tiduo de MARUXA OU OS CANTARES DE VILLALBA, na que se recollían moitos dos cantares do Mayo. Esa peza foi instrumentada pra sexteto e interpretouse o día 31 de Abril do ano 1916 nunha «velada» que celebrou a sociedade JUVENTUD ANTONIANA da nosa vila. Eu non sei a onde foi parar esa composición dos irmaus Mato Vizoso, da que teño ouvido que era moi fermosa e orixinal, por eso prego que si alguén sabe dela mo faga saber ou percure poñela nas miñas maus, pra facer copias, pois serían un documento moi intresante e de moito valor pra coñecer a fondo o que foi a festa do MAYO na vila de Villalba.
Todo esto que falo do MAYO non é un envento meu. Recollino dun artigo que pubricou EL HIDALGO DE ALBA VILLA –meu pai– no seu xornal HERALDO DE VILLALBA, número 5, correspondente ó día 7 do Mes das Frores do devandito ano 1916, e poño nas páxinas do PROGRESO pra coñecemento das novas xeneraciós porque –¿quén  sabe?– ó millor gracias a elas a Vila Alba volte a festexar O MAYO un día cecais non moi lonxano. Tal é o meu anceio. Ogallá o vexa comprido. Ogallá...


(1) Nome que lle damos ó mes de Xuño no noso país
(2) Sitio onde estivo unha das portas do antigo castelo villalbés.

Gabanza das zocas chinelas por Leiras Pulpeiro



Agás pola língoa –e iso aqueles que adoitan usala, que non son todos-, un home galego non se diferencia nin pouco nin moito de calquer home dos que viven no chamado “mundo civilizado”. Un home galego, hoxe –quen dí un home dí tamén unha muller-, xanta, viste e calza coma un andaluz, coma un francés ou coma un americano “Made in U.S.A”. Quero decir con eso que foron desaparecendo a maor parte dos sinos diferenciás –polo menos os esteriores- que permitían recoñecer doadamente a un galego antre milleiros de persoas alleas a Galicia. Como é lóxico –“¿A onde vas tolo?: A onde van todos”- tamén ese troque de usos, costumes e maneiras de vivir, alcanzou a Villalba e a Terra Chá, de xeito que co “progreso” morreron antergas e fermosas tradiciós e asulagadas pola “sociedade de consumo” desapareceron moitas cousas que formaban parte da persoalidade dos chairegos, antre elas as feituquiñas e xeitosiñas zocas chinelas, porque as nosas rapazas e as nosas mulleres coidaron que “xa os tempos son chegados” de trocar as zocas de madeira e as medias de lá “por zapato baixo e medias de seda”. Por eso, porque algo tan galego por chairego desaparece pra sempre, quero adicarlle ás zocas chinelas este traballiño como lembranza e testemuño do que foi un dos sinos diferenciás das rapaciñas e mulleres chairegas.
Haberá xente que diga que a cousa non é pra tanto e que as zocas chinelas non son merecentes de tanto conto e tanta louvanza. Esa xente e moi dona de pensar eisí, pro, digo eu, algo tiñan as zoquiñas chinelas cando dous dos meirandes poetas galegos -Leiras Pulpeiro e Noriega Varela- quixeron levalas ós seus versos inmortás i eisí vemos como Leiras Pulpeiro, nos seus CANTARES GALLEGOS, escribe:
    Miña nai quere unhas zocas
Branquiñas de abidueira;
   Mándemas vir de Villalba,
     Daquilas que hai de chinela.

            Pola súa banda o mítico poeta Antonio Noriega Varela adicalles todo un poema ás zocas chinelas, poema que no sei si figura nalgún dos seus libros de poesía, pro que si sei que foi pubricado na revista villalbesa EL ECO DE VILLALBA correspondente ó día 1 de xuño do ano 1908. O poema di o seguinte:


            Tiña razón o que d´as zocas dixo:
                     que ll´as daban ó demo e non-as quixo.
                 O demo anda descalzo de pé e perna,
      ou con alparagatas se goberna.
                         Máis... ¿qué zocas lle daban? dás chinelas
                ¿das cubertas quizá? ¡Dónde irán elas!
                      Chairego, si ás que calzas non se chama
              viñanme ben a min pra tripar lama

                   Hai que vivir n´aldea e ver camiños,
                 ¡metínme nun rodal hastr´os fuciños!
                    -Tú tél-as zocas novas e aínda campas,
                  as miñas xa fenderon i están lampas.
                     -Chairego, ¡pago a parva si me trocas
                  pol-as miñas zoquiñas as túas zocas!
                  -Entérrome na lama hastr´as orellas,



                                      ¡trócame as zocas novas po-las vellas!




            Eis neste poema a sinxeleza, a fermosura i esa fondura cordial, esa espontaneidade singular que se dan coma en ninguén na poesía de Noriega.
Penso ó chegar eiquí que iste traballo moi ben pode ser a un mesmo tempo homenaxe á memoria de Leiras Pulpeiro e de Noriega Varela e ás chinelas villalbesas e chairegas, xa que nos tempos que corren ben parez que, como presentía o poeta, o demo  chamóuse a elas e empezan a ser somentes unha lembranza, unha nostalxia máis pra engadir a tantas como firen o corazón dos que xa imos pra vellos. Semella que foi onte aínda...cando eu era un neno...e viñan os zoqueiros, os días de feira e de feirón en Villalba, trocar por unhos cartiños as zoquiñas chinelas que mesmo lles acaían coma un goante os peíños das chairegas. Viñan os zoqueiriños e poñían zocas e zocos no chan, enriba dun leito de palla ben enxoita e ben limpa, coma se as chinelas foran neniños. Poñíanas á venda ó longo da Rúa das Frores -¡Qué nome belido do que xa moi poucos se lembran!, e os cativos íamos e ollábamos longamente pra aquelas zoquiñas tan xeitosas, tan lixeiriñas, tan feituquiñas elas que mesmo daba xenio velas e que, postas nos pés das nosas mulleriñas andaban con eles quentiños coma un remol. Semella que foi onte aínda...cando eu era neno...
            ¡Cántas cousas foron morrendo en Galicia, en Villalba e na Terra Chá!  ¡Cánto do que era tan noso desaparecéu pra sempre! Non sei que saudade sin orelas ven neste intre encher o meu xa canso corazón e, de súpeto, unha fermosa fadiña inspírame un poema pequerrechiño pra que remate con él este traballo e despoís poda engadilo a calquera deses meus libriños de versos inéditos que andan espallados polo meu castro; o cuarto onde penso, escribo e soño... “agardando a Godot”:

          Pola Rúa das Frores
      envolto no silenzo
                   pasóu lembrando antontes
              o meu corazón de neno.

              ¡Cómo me firen na ialma
               os coitelos do relembro!
                        ¡Ai, do corazón que xa morréu!
                          ¡Ai, do corazón que xa non teño!