Eis todo o que teño



Eis todo o que teño:
Onte.
Nunca.
Ren.

Eis todo o que fica
do rapaz aquel
que compuña versos
pra cantar inxel
á nena fermosa
dos beizos de mel.

Eis todo o que teño:
Onte.
Nunca.
Ren.

Poema pra navegar



Hei de baixar ó teu río
si me agardas na ribeira
pra darche nun bucariño
as rosas do meu poema.

                                         I heite de levar
                                         a cantar
                                         do teu río pró meu mar.

Navegaréi o teu río
na barca do pensamento
e levaréite comigo
camiño do mar aberto.

                                         E tí levarás
                                         o cantar
                                         do teu río pró meu mar.

E levaréite comigo
camiño do mar maior
pra que tí sepas dos bicos
do vento, do mar i o sol.

                                         E tí cantarás
                                         o cantar
                                         do teu río no meu mar.

Eu moreno e tí morena
do sol, do mar e do vento,
voltaremos pró teu río
nunha barquiña de felgos.

                                         E tí deixará
                                                                       o cantar
                                                                       do teu río no meu mar.

¡Calade!



¡Calade!
Hai voces no ar
chamándome.

O cantar do camiñeiro.
O marmullo do regueiro.
O chamarís dos seus versos.
A canción do carreteiro.
Os berros do seu silenzo.
O ledo canto do merlo.
Os salaios do seu peito.
A morna voz do relembro.

¡Calade!
Hai voces no ar
chamándome.

Pranto pola doncela que se suicidou



Hoxe chora o poema aqueloutrado
a morte daquela doncela loira
que se suicidóu no vieiro illado
-endebalde pois o amor non eisiste–
despenándose silandeiramente
dende o curuto do penedo esguío
sobor dos seixos do camiño fragoso.

A choiva bagoenta terá de basoirar
as pegadas arrepiantes do sangue novo
que lixóu de quente cor bermella
as pedras do carreiro illado
que dorme na encosta da montana
o sono do amor que non eisiste.

A nordesía berra pola pranura
o nome que ninguén coñecía
da inxel doncela namorada
que morréu caladiñamente
cun doce sorriso nos beizos
desangándose de vagariño
nas carrileiras do camiño fragoso.

Os páxaros que espreitaban na silveira
a chegada do morno albor sorridente
ficaron medoñentos i estantíos
vendo fumear o sangue morno
da rapaciña que se suicidóu
cando soupo que o amor e os biosbardos
non son máis que seres pantasmaes.

O poema esnaquizóuse no lumbrigar
e cada verso chora debruzado
sobor das pedras do camiño fragoso
por onde debala mainamente
o sangue da donceliña malfadada;
o sangue, ¡ai, Deus!, que xa non terá fillos
da rapaza que se suicidóu
por culpa do amor que non eisiste.

Cantar pra que chaman leda



Leda che chaman, Lediña
porque ledo é o teu ollar
leda a canzón dos teus beizos
e ledo o teu camiñar.
¡Ai, Leda, Lediña, Leda,
feita de sol e de mar
hei de mergullar en tí
os meus poemas de ar!

¡Ai, Leda, Lediña, Leda,
que ledo te hei de bicar
o pé da fontiña vella
mentras soa aquel cantar
Leda, na ruada leda
Leda, no ledo ruar.

¡Ai, Leda, Lediña, Leda,
que ledo te hei de chuchar
ó sementar no teu corpo
os fillos que han de agromar
Leda, no teu corpo ledo
feito de sol e de mar!

¡Ai, Leda, Lediña, Leda!
¡Que ledo hei de navegar
o mar maior do teu corpo
a noite de amar amar!