Caeu unha peseta


Caeulle unha peseta no chan
unha peseta, ren
cáseque nada
unha puta peseta.
I o home dobregouse
a recollela.

Despois ó mesmo home
caeulle tamén no chan un pito
-pito en galego quer decir pitillo-
i o home dobregouse a recollelo
o mesmo que fixera coa peseta
coa puta da peseta,
dobregouse o mesmiño.

¡Qué pena fonda sentín por aquíl home!
Un home pode dobregarse, pode,
baixarse a recoller do chan un pito,
pro non debe
dobregarse, non, endexamais,
pra apañar do chan unha peseta
unha puta peseta
-os cartos son de merda-
pois é coma si no mesmo intre
deixase de ser home e ter esprito.

¡Qué pena fonda sentín por aquíl home!
¡Qué pena fonda me deu
ó velo erguerse e ver
que aquíl home era eu!

Ir e vir


Ir e vir polas vereas
cargadiños de nostalxias.
Iso é a tarefa daqueles
que non agardamos nada.
Ir e vir, oficio de homes
polos que ninguén agarda.

O chan dos nosos camiños
de bágoas empedradiño.

Polos carreiros da noite
veñen a nós as lembranzas.
Polos vieiros do día
chegan deica nós as mágoas
do matinar nos palleiros
que antano tiveron palla.

O chan dos nosos camiños
de bágoas empedradiño.

Ir e vir, oficio de homes
que xa non agardan nada.
Ir e vir sin tan siquera
dun can amigo a compaña
mentras Ela nun recuncho
do tempo afía a gadaña
pra seiturarnos nun intre
vida, lembranzas e mágoas.

O chan dos nosos camiños
de bágoas empedradiño.

Pranto longo


Vós ben sabedes que o noso
tempo é tempo de chorar
xa que os homes esqueceron
a Cristo i ó Mais Alá.

                        Chorando vou pois son home
                        a miña anguria sin nome.

Choro polo mundo enteiro
Choro por vós e por min.
Polo que non me entendedes,
polo que non sei decir
choro iste meu pranto longo,
iste meu pranto sin fin.

                        E vou sin mais compañeira
                        que a miña anguria senlleira.

Polos que non teñen ren.
Polos que teñen demais.
Polos que levan os paos
e por aqueles que os dan.
Pola historia que sofrimos
e polos que din que a fan
chora que te chora vou
pois sómente os animás
iñoran que o noso tempo
é só tempo de chorar
xa que os homes esqueceron
a Cristo i ó Mais Alá.

                        E vou chorando senlleiro
                        a miña anguria sin tempo.

¡Non!


Xa sei que o grande vate
Celso Emilio Ferreiro
ten un poema tiduado NON.
¿E qué?
Tamén eu son un home
e tamén seique
anque dos pequenos
son poeta
de xeito
que teño, o mismo dreito.
O caso é ter sabenza
e ter carraxe
pra berrar ¡NON! a tempo.

Ser home non é só
como algús pensan
terse doadamente en dúas patas
pois tamén
se teñen en dúas patas as galiñas.
Ser home é decir SI
cando iso compre
i é berrarlle ¡NON!
ás inxusticias.

Ser home...
é dar testemuño da verdade
anque un se xogue a vida.
Ser home...
é berrarlle ¡NON! á falsedade
i é cuspirlle ós fuciños
á mentira.

Entón...
Non é certo que señamos
todos homes.
Non é certo...
¡NON!

Escoitando o guitarreiro



                                                                                  Pra Atahualpa Yupanqui


Estou so comigo e coas lembranzas
do tempo que fuxeu
ladroeiro
coas miñas ilusiós
coa miña espranza
cos meus cabelos mouros
co meu ollar de neno.
Comigo so estou mentras escoito
a Atahualpa Yupanqui
o guitarreiro.

                      Las penas y las vaquitas
                      se van por la misma senda.
                      Las penas son de nosotros.
                      Las vaquitas son ajenas.

Hai unha tristura fonda e longa
na voz de Atahualpa
o guitarreiro.
Hai esa tristura fonda e infinda
da que tan ben sabemos os galegos.
Tristura das viudas de mortos e de vivos.
Tristura dos nenos
que ficaron sin páis e sin abós
denantes de tempo.
Tristura da terra garimosa
que fica soia vendo
como emigran a fatos os seus fillos
pra lares alleos.
Tristura sin nome das mulleres
que teñen tan lexos
ós fillos i ó seu home
que un pouquiño mais a cada intre
ven perdendo a espranza
de voltar a velos.
Vella tristura da vella Galicia
que vai sin el sabélo
na voz de Atahualpa
Yupanqui o guitarreiro.

                       Triste está la tierra
                       que cultivo yo.
                       ¡Cómo quema el fuego
                      de mi corazón!

Estou so comigo e coas lembranzas
que me deixou o tempo.
Estou so comigo
so a escoitar
a voz de Atahualpa
Yupanqui o guitarreiro..
Mentras o escoito póñeme a soñar
i a facer istes versos
i el sigue cantando...

                  Viento...viento...
                  Tráeme aguacero...