O viaxeiro que recorrendo o Concello de Villalba pase por Lanzós e Santaballa atopará entre as duas parroquias unhas analoxías que, sin dúbida, faranlle tratar de resolver o precioso rompecabezas que se lle presenta.
Chámase unha das parroquias
de San Martín de Lanzós i a outra de San Pedro de Santaballa e teñen por patrós
ó santo que respeutivamente lles da nome, pero os veciños de Lanzós non lle
chaman ó campo das festas –tradicionalmente eisistente en tódalas parroquias da
comarca– polo nome da súa parroquia que según dice a xente “en lei debera ser”
se non que lle chaman “Campo de San Pedro” i os de Santaballa chámanlle ó seu
adro “Campo de San Martiño”. Coma a distancia entre as duas parroquias é de
apenas unha legua, compre facer un análisis histórico da sua respeutiva
eisistencia pra ver donde podemos chegar nesta aparente confusión.
As minas de ferro do
Concello teñan unha eisistencia inmemorial e, parece ser que, en tempos dos
romanos, xa se esplotaban as minas do lugar de Ferreira –as mismas que hoxe en
día esplota “Minas de Lanzós, S.A.”– e fixeron os mismos romanos unha fundición
de lanzas quedando, dende entón, o nome de Lanzós pró lugar da fundición.
Coma as minas internábanse
monte adiante pola veciña parroquia –Santaballa deica o lugar de Lousada–,
según a tradición, houbo disputas entre os dous povos i os veciños de Lanzós
chantaron un moxón de dimensiós descomunás –que existe hoxe en día– pra señalar o límite da sua aldea, e no mismo
lugar construiron unha valla, sendo dempois da valla, Santaballa; e de ahí
quedoulle tamén o nome.
As disputas agudizáronse a
través do tempo, e cando a Inquisición instalouse con dreito de “forca e
cuitelo” no pazo de Samarugo esixeu a construción dun camiño que dende Villalba
permitira o paso do seu famoso “carro”; non se puxeron de acordo os veciños de
ambas parroquías por donde había de pasar –pois ningunha das duas quería que
pasase polo seu territorio, e tiveron que acabar por facelo entre os lindeiros
de ambas parroquías, de este modo ainda hoxe dando moitas voltas entre Lanzós e
Santaballa pódese chegar a través do coto de Monseibane– o mais outo de toda a
Terra Chá ó pazo de Samarugo.
Pero un suceso moi grave,
vai deixar saldadas estas graves diferencias i antagonismos, –a morte violenta
do cura de Lanzós–, co que podemos valorar o aprecio ó clero naquel entón, que
fai que dous povos cáseque “enemigos” firmen “pacto de amistade”.
Según nos contaron veciños
de ambas parroquias –e que mais tarde nos confirmou por escrito (que
agradecemos) Dña. Mercedes Fernández maestra de Albite– di a leenda que tamén
por cuestiós de lindes andaban enemistados o crego de Lanzós i a Condesa do
Pazo Vello –que tiña a casa a soio unhos metros do campo de San Pedro, onde
entón atopábase a eirexa– e tan graves debían ser as diferenzas que a condesa
decideu matar ó cura, cousa que fixo un domingo namentras o cura misaba; según
a tradición fixoo personalmente sin desmontar do cabalo e con un disparo de
“pólvora sorda”, auto seguido escapou e cando trataron de perseguila non a
deron atopada pois ferrara ó cabalo ó revés e seguírona en direción contraria á
que fuxira.
Según o que imperaba
entón, ó morrer o cura violentamente, non soio había que repoñer ó crego, senón
que había que cambear de lugar á eirexa, e cambear o nome á parroquia trocandoo
polo da parroquia veciña. De ahí que amigasen as parroquias de San Pedro de
Lanzós e San Martín de Santaballa, e cando a nova eirexa de Lanzós estuvo
acabada, por un novo camiño aberto a propósito i en solemne procesión trouxeron
o San Martín de Santaballa e pra aló levaron o San Pedro –as imáxenes– quedando
dende entón os nomes de San Martín de Lanzós e San Pedro de Santaballa que
ainda hoxe conservan e celebran, pero de todas as maneiras o proceso de
adautación ós novos nomes non foi total pois os campos respeutivos conservan os
seus primitivos nomes.
Según outra leenda ainda de
vez en cando asómase verticalmente ó campo de San Pedro –de Lanzós– a luz que
brilaba costantemente no Santísimo da primitiva eirexa, privilexio que perdeu a
parroquia ó construirse a nova, cousa que según os veciños benificiou a Lugo
poís dende entón é o úneco sitio que ten o privilexio de ter esposto ó
Santísimo constantemente.