Limiar


           “Ademáis de non haber cantares tampouco son frecuentes as léndas. As únicas que teño escoitado son as referidas a Lagoa de Cospeito i a que se refire ó castelo de Cal da Loba.”
(“A Terra Chá” por Manuel María, nº 578 da Revista “Galicia”. Buenos Aires marzo-abril 1971).

A vista deste curto encabezamento, preséntasenos o probrema do pesimismo que Manuel María ten con respeuto a etnografía da Terra Chá –i é verdá que cáseque as únecas leendas coñecidas son as de Cospeito e Cal de Loba–. Por outra parte facendo un repaso de tódolo escrito encol da Terra Chá non é nada doado atopar ningunha outra leenda, foliada, conto ou calqueira outra forma de literatura popular chairega.
 Diante desta falla total de bibliografía, o travallo que hoxe escomenzamos preséntasenos coma de pura recolleita persoal. En efeuto ó longo dos chuviosos días deste vrao fumos recorrendo a nosa Chaira en busca do conto e da leenda deica agora descoñecido prós eruditos, e por eso nos diversos povos e aldeas fumos dirixíndonos os dous “cabos” ós que primeiro podíamos agarrarnos, o cura i os vellos da parroquia. A través de amigables conversas fumos coñecendo novas tradiciós e novos contos, inda que a meirande parte xirando sobor do eixo das leendas e contos “crásicos” dos mouros, dos aparcidos, dos povos soterrados e dos encantos, pero que sin dúbida traen un considerable enriquecimento do noso patrimonio etnográfico.
Denantes de escomenzar coa plasmación da nosa recolleita popular queremos dar unha pequerrecha espricación do que nós consideramos coma abarque dos conceutos de conto e leenda e que aspeutos dos mesmos son tratados neste traballo.
A xustificación dun feito de tipo histórico, relixioso ou calqueira outro coñecimento real ou inventado, poide por unha complexa serie de circunstanzas fixarse na mente do povo. Por medio da trasmisión oral a través de diversas xeraciós estos feitos van sufrindo unhas modificaciós –mais ou menos sustanciás– por obra da xente que fai de trasmisora deica que o povo considera o feito totalmente seu i este feito así considerado e xa relabourado dun senso novelístico da lugar á leenda.
Temos xa defiñido o conceuto LEENDA; pero un povo, unha configuración sociéconomica determiñada e no noso caso a bisbarra da Terra Chá texe unha serie de leendas pra lembrarse dunha serie de feitos histórico-relixiosos prós que non ten unha xustificación mais á mau, e así hoxe atopámonos cunha serie de situaciós distorsionadas historicamente e que denantes de estudiar convennos catalogar en algunha das sacrificaciós eisisentes.
Podemos primeiro considerar a leenda soio coma a considerada POPULAR, que o povo ten xa dende principio coma sua e polo tanto anónima –que no noso travallo é a que consideramos– i un tipo de leenda concreto, culta e literaria, creada por unhos determiñados señores con base popular ou sin ela, un pouco ó senso de Bécquer, Zorrilla, ou millor ainda ó estilo das “Leyendas de Guatemala” do Miguel Angel Asturias na que o tratamento literario dada polo autor convirte unha base popular nun feito compretamente distinto. Nembargantes, non atopamos na Terra Chá ningún escritor que cultive este xeito, e soio moi lonxanamente podíamos incruir eiquí o travallo do Xesús Rábade Paredes encol dos oríxenes da Feira do Monte –e por mais inédito–.
Outro punto de ver as leendas e dende a forma en prosa ou en verso, incruindo nesta forma derradeira –verso– algunhos romances tradicionás chairegos con base histórica coma pode ser o tiduado “Delgadina” que narra as desgracías da filla dun rei que non quixo esposarse co pai, que é de orixén castelán, pero moi arraigado na nosa bisbarra inda que non perdese a forma en lingua orixinal. Outro exempro deste tipo pode ser o do Romaxe de Tardá nunhos versos que canta o povo, inda que dase a circunstanza de que foron compostos a primeiros deste século por unha señora que inda hoxe vive, ou no mesmo caso o tratamento poético dado ó Romaxe polo poeta villalbés Xosé María Chao Ledo.
Por último pode valernos a crasificación xeral das leendas adoutada por Vicente Risco na “Historia de Galiza dirixida por Otero Pedrayo” é decir:
  Leendas etiolóxicas, inventadas pra espricar un feito do que a xente non coñoce a razón do seu orixen (un nome: etimiloxía popular; un edificio; un acidente xeográfico...) Son exempros deste tipo o orixen do nome da Feira do Monte ou o dos mouros e penedos de Sistallo e de cáseque toda a Terra Chá.
  Leendas haxiográficas que refírense as vidas dos santos en todas as suas manifestaciós, é decir: fundaciós de eirexas e conventos, martirizaciós, apariciós da virxe, etc.
  Lendas históricas que son referentes a batallas, heroicidás ou xestas dos nobles, neste tipo temos por exemplo o sitio de Lucerna e Valverde por Carlomagno i os Doce Pares de Francia.
Inda podemos atopar outro bloque de feitos populares na recolleita do señor Rodríguez López no seu libro “Supersticiones en Galicia y preocupaciones vulgares” no que figuran casos concretos da Terra Chá como o caso de poñer na frente dos roidos por un can rabioso, as chaves da eirexa ó roxo vivo, cousa que sucedía en duas parroquias de Trasparga.
Quédanos agora dar un breve conceuto de Conto –o outro apartado deste travallo e tratar de buscar as diferenzas que ten coa leenda.
O conto é un xeito moi popular en toda a Terra Chá, no que moitos deles foron e son traidos por xente do resto de Galiza ou da Iberia, inda que outra parte deles son típicas creaciós da Chaira.
O conto é unha narración en prosa de sucesos imaxinados inda que nel poidan aparecer elementos reás ou históricos pero sempre mesturados cos tipicamente imaxinados, o conto ademais presenta unha parcela física e psicolóxica dos persoaxes que o integran –algo semellante a unidá de lugar no teatro tipicamente neoclásico–.
O conto dende os seus oríxenes orientás espallouse por toda a terra e por exempro no século XIII xa hai na Península Ibérica unha preciosa coleición de apólogos tiduada “Calila e Dimna”.
Na Terra Chá en cáseque todolos poetas e homes de letras temos escritores de contos, sendo dempois da poesía o xénero mais cultivado.
Do conto popular nada diremos pois nel podemos encadrar dende o que comenza “Nos tempos en que os burros falaban...” deica os populares contos de bruxas, curuxas e todo tipo de meigallos.
Fixémonos xa en que conto e leenda non son nin con moito a mesma cousa pois teñan diferenzas sustanciás coma son O LUGAR, determiñado sempre na leenda –a Pena do encanto, o castelo de Guitiriz ou o pazo de Taboi –e indetermiñado pola parte do conto: “Nun lugar da Terra Chá...”. O que es leendas foron creadas coma xustificaciós históricas ou lembranzas de sucesos e tempos pasados e xa míticos, pero feitas sempre pra SER CREIDAS, namentres o conto e pensado dun senso imaxinado con un fin netamente moralizador, temos tamén que a leenda atopámola en prosa i en verso namentras o conto é tipicamente PROSA, e xa que a leenda poide ser real ou non selo pero –e insistimos– o conto é tipicamente IMAXINADO.
Sentados os principios dos que partimos; unhos conceutos determiñados de conto e leenda, e a partir deles é cando buscamos as situaciós populares que se adaten a eles, quédanos soio por advertir que as fontes bibliográficas –escasas– de que nos vaiamos valendo serán oportunamente citadas e usadas tan soio cando na nosa busca  pola Terra Chá non atopemos as manifestaciós que estéñan  xa recollidas e que poideron desaparcer por diferentes motivos ou por olvido da xente e do povo– Caso da leenda histórica do cerco de Valverde por Carlomagno descoñecida en Cospeito, donde se supón que estaba situada, i en cambio coñecida en Begonte e que figura tamén na “Historia de Galiza” xa citada.