Por XOSE LUIS
GARCIA MATO
"Ditosos os
que teñen un Xardín"
Bertol Brech (Unha voce)
Celébrase no mes de
marzal, como é lóxico, cando os paxariños andan cismando en casar i o cuco,
chegando de non sei onde, osmando a primeveira,anda a cucar pola chaira
largacía, pola miña Terra Chá longa e senlleira. Celébrase sempre, o sábado
anterior a propia festividade do Santo pra que teñan tempo os Pepes asistentes
que son moitos -máis de cento e medio case sempre- a dixerir a cea i a queimada
que lle pon remate á festa mentras se canta aquelo de "¡Ai Pepiño
adiósl". co desexo de vivir todos
un ano máis pra voltar a xuntarse ó redor dunhas longas táboas, nun amplo comedor, despois de sair da Misa Solene na que ten
lugar a Ofrenda a San Xosé que cada ano fai un Pepe distinto e, dende logo,
dlferente. Compre decir eiqui que a ista fermosa festa non poden asistir nada
máis que Pepes e coa particularidade de que todos eles teñen que levar o nome
de Xosé ó primeiro. Non val, por exemplo, chamarse Antón Xosé pra poder asistir
á cea dos Pepes villalbeses anque sí poden asistir, como eisi o fan, Pepes madrileños, ou asturianos. ou
ferrolanos ou pontevedreses, poño tamén por exemplo.
O Día dos Pepes -supoño
que xa se decataría o lector- é unha
festa enventada non fai moitos anos, como xa sabemos. Enventóuna un Pepe
villalbés -o Pepe Apenela que é un argalleiro e ten moita chispa pra esas
cousas.
Ó primeiro non
consistía máis que na Misa Solene coa correspondente Ofrenda a San Xosé e na
cea da que xa deixo dito, pro fai dous anos xa houbo algo máis: unha Exposición
de Pintura, que tamén se celebróu este ano. Non fará falla decir que os
pintores que expuñeron chamábanse todos Xosé e que non pode ser doutra maneira.
Se tí non te chamas Xosé -de primeiro nome, repito- nin podes cear, nin
expoñer cadros nin outra cousa. Se tí non te chamas Xosé non és ninguén en
Villalba o Día dos Pepes. X-ó sabes, de xeito que non veñas con díxome
díxome..., pregos, nin recomendaciós -xa houbo algunhos que viñeron con semelIantes
andrómenas- porque non che valerán de nada.
Todo canto remato de
escribir ven a conto porque co tempo as cousas foron millorando no que á festa
dos Pepes se refire e este ano acordóuse que, pra honrá-la memoria dos Pepes
distintos mortos, se celebrase un homenaxe a un deles cada ano. Como era
natural e lóxico -non podía ser doutra maneira-, este ano o homenaxe dos Pepes
vilIalbeses foi adicado ó noso crego-poeta don Xosé María Chao Ledo por ser
este -tal escribéu cheo de razón Manuel María- "o primeiro poeta da Terra
Chá". Esto en canto ó tempo se refire, pois non hai que tencionar facer de
Chao Ledo o meirande poeta chairego, porque iso non é certo, inda que ó meu
entender e ó de algunhos máis, é un dos bos poetas que agromaron nesta Terra
Chá "longa e tristenta", en verbas de Anxel Fole, ese mestre das
nosas letras.
O devandito homenaxe ó poeta Chao Ledo
celebróuse o día catorce de marzal deste ano 1975 e tivo lugar no Salón de Actos
da Casa Sindical de Villalba. Consistéu nun recital dos poemas galegos do
noso crego-poeta e nunha lembranza -no
meu caso relembranza, pois recaéu en min isa laboura- da vida e da obra do Pepe
poeta villalbés. Naquela xeira propuxen que se reeditaran os poemas do chairego
i enxebre Chao Ledo por pensar -dixen- que era esa a millor maneira de
homenaxealo e honralo e tamén o único xeito de arrincalo do esquecemento no
que se atopaba envolto. O mesmo propuxen na cea, diante de cento cincoenta
Pepes, proposta que foi acollida e apoiada apaixoadamente, polo poeta mariñán
Xosé María Pérez Parallé. Despois...
...Despois foi correndo
o tempo coma un lóstrego e as cousas ficaron eisi até que Xosé Pena Trinquete
falóu coa xente de EDICIÓS DO CASTRO, que fixo seus os nosos anceios, e por iso
é que a esa xente boa e xenerosa debemos nós -a Vila Branca en xeral i os
Pepes villalbeses en particular- a reedición destes poemas galegos do primeiro
poeta, no tempo, chairego e villalbés; a pubricación deste libriño doce e
sinxelo que coido é importante principalmente prás letras villalbesas e
luguesas e, xa que logo -óusome a decilo- tamén prás letras galegas tendo en
conta, como eu digo sempre en ocasiós semellantes, a "relatividade da
importancia". Digo que a edición deste libriño débeselle á xente de
EDICIÓS DO CASTRO porque foi ela a que se ofrecéu sinceiramente, sinxelamente,
abertamente a Pena Trinquete pra que nós -os Pepes de Villalba- non tiveramos
que loitar por riba das nosas forzas pra acadar os cartos percisos pois eles,
tódolos que labouran nas EDICIÓS DO CASTRO saben moi ben que nestes casos, e
máis cando se trata de poetas, ninguén se presta de moi boa gana a adiantar
unhas poucas pesetas que, nembargantes, homes e mulleres gastan ledamente
nunhas cuncas de viño. Esto é triste reconocelo, pro é certo e non está de
máis decilo eiqui, non coma un aldraxe -tamén é bon beber cunquiñas de ribeiro
cando cadra i o corpo o pide- senón pra que se tome concencia de que non hai
que esquencer a Deus polo César, valla a comparanza. Quede pois moi craro o
noso fondo e longo agradecemento á xente de EDICIÓS DO CASTRO e imos de
contado falar da intención que nos guióu a pubricar esta segunda edición dos
poemas galegos orixinales do primeiro poeta chairego e villalbés.
A intención, ou millor
dito intenciós que nos aguilloaron a reeditar a Chao Ledo non foron outras que
as que figuran xa no PROLOGO A PRIMEIRA EDICION -escrito por meu pai, Antonio
García Hermida, no ano 1930-, que vai despois deste LIMIAR e que paso a reflexar
nos catro apartados seguintes ós que teño que engadir outro, pola miña conta,
que non figura no devandito PROLOGO, pro que de ningunha maneira podo silenciar
nin acouchar no tinteiro porque é de xusticia facer presente tamén o
reconocemento ós emigrantes galegos que, dende sempre, foron os primeiros e
moitas vegadas os únicos que se preocuparon polo desenrolo i engrandecemento
da Galiza en tódolos órdes, o mesmo que nos materiaes que nos espritoales, e a
proba témola -podería lembrar moitas máis- na primeira edición das POESIAS...
de Chao Ledo e aínda nesta reedición, posto que algús dos que labouran nas
EDICIÓS DO CASTRO foron tamén emigrantes e saben moi ben o que eso supón e da
longa, teimosa e trascendental tarefa que a GALIZA EMIGRANTE levóu e leva a
cabo a prol do rexurdimento da NOSA TERRA. Seguindo esa liña endexamáis louvada
como é debido, unha vez máis, pódese berrar moi outo que a GALIZA EMIGRANTE pon
a primeira e a derradeira pedra dunha obra que sin ela non podería facerse. Que
Deus lle lo pague a todos.
Vexamos, logo, os fís
que tencionamos acadar con esta reedición dos poemas galegos de Xosé María Chao
Ledo:
a) Honrar a un fillo
esgrevio de Villalba.
b) Axudar ó
rexurdimento da persoalidade rexional.
c) Soster os lazos que
nos xunguen á Terra Nai.
d) Poñer o noso grao de
millo prá conservación, espallamento e perpetuación do IDIOMA GALEGO.
e) Agradecer á GALIZA EMIGRANTE canto fixo e
ven facendo pola terra que lle deu o ser, xa que non son moitas as ocasiós nas
que este feito é nidiamente recoñecido.
Dito eso, compre falar
un pouco da persoalidade e da obra de don Xosé María Chao Ledo, inda que moito,
case todo, xa esteña dito no PROLOGO, de Garcia Hermida, e nas NOTAS
BIOGRAFICAS DE DON JOSE MARIA CHAO LEDO, coas que don Eduardo Lence-Santar e
Guitián puxo remate as POESIAS do noso crego-poeta que foron editadas polo
CENTRO VILLALBES de Buenos Aires -Imprenta La Iberia- o ano 1930 e
chimpadas á rúa no ano 1931 cunha DEDICATORIA en castelán firmada por José
Vázquez -Presidente- e Inocencio Garcia -Secretario-, datada no mes de setembro
do citado ano 1930, pola que nos fan saber, ademáis de que o libro se pubrica
".. .para bien de nuestro Centro y aporte a la literatura regional y a la Academia Gallega
de la que también solicitamos su veredicto" que, tal como di unha NOTA ó
rematá-la DEDICATORIA: "El producto de la venta de este libro será
destinado al Hospital Asilo de Villalba". Eis un exemplo máis que nos dan
os emigrantes ós que, ficando na terra natal, pouco ou ren facemos por ela. Dó
"veredicto" nunca máis se soupo ou, polo menos, non soupen eu.
Mágoa...
Despois da DEDICATORIA
citada, inda atopamos na primeira edición das POESIAS de Chao Ledo un ANTE
PROLOGO que firma o emigrante Ramiro Díaz Verdes, quen daquela era direutor do
periódico EL VILLALBES que se viña pubricando o cuarto domingo de cada mes
dende 1928 como "Publicación Oficial del Centro Villalbés de Buenos
Aires", na devandita cibdade. O mesmo Diaz Verdes dinos tamén nese ANTE
PROLOGO que a edición faise, ademáis de pra dar a coñecer a Chao Ledo,
"para bien de Galicia y de nuestro partido Judicial de Villalba, lo que
quiere decir que la obra del Centro Villalbés de Buenos Aires, no se limita a
efectos líricos sino que ejecuta con afán desmedido,obras prácticas y de interés
para todos los villalbeses en general".
Visto eso, podemos
doadamente decatarnos da postura exemplar dos homes que, na emigración,
loitando feramente coa vida e pola vida, non lle quitan ollo a Galiza e
preocúpanse fondamente -con razón din "con afán desmedido"- de
apulala pra riba non só no orde material senón tamén no espritoal teimando en
desenrolar a un tempo, por unha banda a cultura -inda hoxe un luxo prá maor
parte dos paisanos galegos- e por outra o que axeitadamente chama Díaz Verdes
"obras prácticas". Do reconocemento deses feitos e do agradecemento
que eles despertan no meu corazón ven o que poña eiquí os nomes e apelidos,
únicos que conozo, dos homes que fixeron posibre a pubricación da obra de Chao
Ledo tencionando ó mesmo tempo axudar "prácticamente" ó Hospital
Asilo que, aínda hoxe ven funcionando en Villalba -e moi ben, por certo-; reconocemento
e agradecemento que a traveso destas liñas e acoutados neses tres nomes estendo
a tódolos emigrantes galegos de tódolos tempos, o mesmo ós de onte que ós de
hoxe coa espranza i arela fondas de que mañá non teña razón de ser esa GALIZA
EMIGRANTE que é tanto coma decir GALIZA DOENTE, GALIZA FERIDA, GALIZA MAGOADA.
Posto a louvar a un
poeta villalbés outro villalbés que, inda que seña dos pequenos tamén é poeta i
escritor, poderían pensar os lectores que o fai infruido pola paixón. Pra
arredar ese pensamento suposto das mentes de cantos lean estas liñas vou
trascribir os xuicios que a obra do noso poeta lles merecéu a tres intelectuaes
ben coñecidos na rexión galega e dinos, xa que logo, de creto.
Dinos don Xosé Trapero
Pardo -revista LUCUS. mes de Nadal do ano 1960-: "Nombres de hoy que se
unen a los de ayer, algunos tan injustamente preteridos en las antologías
literarias como el de Chao Ledo, que supo captar el espíritu y el lenguaje del
pueblo en composiciones que aún tienen hoy un vigor y frescura como en el
tiempo en que fueron escritas." Eis o xuicio de Trapero Pardo, escritor
non villalbés do que non é posibre pensar que faga louvanzas infruido pola
paix6n.
Pra Carballo Calero
-alleo tamén a VillaIba- "Chao Ledo era un verdadeiro poeta popular, que
soupo se espresar nun galego enxebre, non só polo lésico, senón tamén pola
sintase e o estilo. E de louvar nil a naturalidade con que emprega os
diminutivos."
Que Chao Ledo foi
"un verdadeiro poeta popular" non hai dúbida ningunha. Moitas das
súas composici6s foron escritas pra seren recitadas diante dun púbrico numeroso
en VELADAS que se facían en Mondoñedo -vivindo aínda o poeta- e, despois de
morto éste, noutras que tiveron lugar en Villalba pra honrá-la memoria do vate.
Algunhas desas VELADAS villalbesas fixeronse
pra lembrar conxuntamente a Chao Ledo i a Manuel Mato, recitando versos dos
dous poetas finados, o primeiro en 1894 i o segundo en 1909.
Acerta Carballo Calero
-e non sabe canto- ó decir que Chao Ledo era un poeta popular porque, si ser
popular un poeta consiste máis que nada en que os seu s versos anden nos beizos
da xente cando xa se esquencéu o nome do autor, deses foi e sigueo sendo o
poeta de quen falamos. Pra probalo vou contar o que pasou un día nun bar de
Villalba o sacar eu a conto unhos versos do CUADRO MONTAÑES orixinales do noso
poeta. Falaba eu co meu amigo Botes, que é de Foz, e como nos atopábamos no
bar, dispostos a beber unhas cunquiñas de viño, ocurréuseme recitar aquelo de:
Icha
vino, tabernera,
Icha vino desa cuba...
E nesto vai o Botes e siguéu:
Quel
dinero de la Bana
Mucho viene y poco dura.
Villalba,
tus taberneras
Son mujeres que lo entienden.
Dan tripas por gallo muerto
y por vino xurro vienden.
Eu fiquéi estantio,
aleuto, pampo. asorado, escoitando nos beizos do Botes versos do meu ademirado
Chao Ledo e, cando acabóu, díxenlle:
-¿E logo cómo sabes ti
eses versos de Chao Ledo?
I él respostóu:
-Aprendéumos miña aboa
cando eu era cativo, pro non sabía de quén eran.
¿Hai proba millor que isa de que Chao Ledo foi e sigue
sendo un poeta "verdadeiramente popular"?
Manuel María foi, deica
agora, quen millor estudióu ós poetas chairegos e, como é natural, como é de
caixón. entre eles non podía faltar Chao Ledo. De canto o poeta de Outeiro do
Rei escribéu encol dos poemas do cregopoeta villalbés vou aproveitar aquelo
que máis dreitamente tende a enxuiciar dende un ponto de vista crítico a poesía
de Chao Ledo. Escribe Manuel María:
"Os poemas galegos do crego
villalbés que chegaron deica nós son dez en total". Eiquí debo correxir un
pequeno erro do Cantor da Terra Chá, pois non son dez senón oito, somentes
oito. os que figuran no libro do que xa falamos e coido que ninguén atopóu máis
aínda, sin que eso queira decir que non podan atoparse porque xa é sabido que a
obra de Chao Ledo anda espallada por pubricaciós periódicas do seu tempo que
non é doado conseguir. Pro sigamos co que Manuel María escribe:
"Hai poemas de diferentes tipos e temas.
Neles podemos sentir a presencia da Terra Chá que está vivida, cantada e
descrita poéticamente. En toda a obra galega de Chao Ledo o xeito de falar dos
chairegos está axeitadamente recollido,
particularidade xa señalada por Lence-Santar..."
"A poesía de Chao
Ledo -sigue escribindo Manuel María- é moi sinxela. tanto na forma como no
tema. Algunhos dos seus poemas como "A Noiteboa de 1871 cantada por un
peilao", sigue a tradición mindoniense dos poetas cantores de Nadal:
Antonio María de Castro, Luis Corral, Xacinto Romualdo López... Sabemos ademáis
que este poema foi composto pra lér púbricamente na xuntanza de "la Juventud Católica",
de Mondoñedo no ano 1871, á que concurríu moitísimo púbrico, que apraudíu con
entusiasmo os versos de Chao Ledo. Neste poema desenrólase un cadro
costumista, con antecedentes na poesía galega en Rosalía, Añón, Curros, Lamas
Carvajal, entre outros. Os labregos están ben tratados literariamente e falan
con propiedade."
E máis adiante -no
mesmo traballo que trata de Chao Ledo- escríbe Manuel María: "A Terra Chá
foi cantada por Chao Ledo con fondísimo sentimento. Coidamos siñificativo que o
libro do poeta villalbés se abra co poema "A Romería". Esta romería
é a de Tardade, pobiño que está situado a pouco máís dunha légoa de Villalba,
bañado polo río Trimaz.
O cantar a Tardade -ou
Tardá como dín os paisanos- canta a toda a Terra Chá. A unha terra
trasfigurada polo poder e pola maxia da poesía. Unha terra na que asubía a
laberca e onde os montes, na ollada do poeta, son xardís. Tamén canta ós
soutos, as carballeiras, as veigas. E coa descrición da terra mistura os seus
propios sentementos. O poeta crego estivera exercendo o seu ministerio en terra
de Santa Marta de Ortigueira. E volta a Tardade doente, con lembranzas, aínda
recentes, da Mariña." Tamén eiquí se trabuca Manuel María posto que un
servidor de vostedes, como pode verse na "Bibliografía e notas..."
que van ó remate deste libriño, puido descobrir que o poema "A
Romería" foi escrito no ano 1880 e xa sabemos. por LenceSantar, que Chao
Ledo non foi prás terras de Ortigueira deica 1893 de onde voltóu a Villalba,
esmorecendo, pra morrer o día nove do mes da Sega do ano 1894. Tamén é certo
que Manuel María non tiña por qué coñecer ese dato que eu puiden atopar ó longo
das miñas investigaciós encol da vida e da obra do primeiro poeta villalbés.
Pro sigamos ainda un pouco, con Manuel Maria, pois ten moito intrés o que dí
pra rematar o seu traballo sobor de Chao Ledo. Sigamos lendo, unhos intres
máis, ó Cantor da Terra Chá:
"O poema titulado
"A volta da primaveira", que o mesmo poeta califica de
"Imitación de Ovidio", é o poema máis chairego de Chao Ledo e, sin
dúbida, un dos máis logrados. A Terra Chá está descrita no esencial:
o noso
labrego sorrindo ademira
os agros inmensos que veñen e van
os agros inmensos que chucha
Favonio;
os agros inmensos i as combas que
fan.
O verso "os agros
inmensos que veñen e van" repítese ó remate do poema. É, precisamente, o
verso que pecha o poema. Esta sensación de inmensidade que nos da a Terra Chá
está recalcada polo poeta. A inmensidade é a primeira e máis fonda impresión
que produce a Terra Chá en quen a contempra e que tan ben describe Chao Ledo. E
tamén a impresión de monotonia, de cousa igual, espresada axeitadamente, na
reiteración ó longo de varios versos da frase "os agros inmensos". O
verso "os agros inmensos que veñen e van" da, dun xeito perfeito, a
sensación que en nós imprime o vento movendo as estensas centeeiras chairegas.
Polos versos de Chao
Ledo a cabra relouca pacendo polas brañas. Os paxaros que enchen de música a
Terra Chá i os versos de Chao Ledo son "a doce ruliña", o merlo
asubiador, o "cuco traidor". A terra está chea de "roseiras,
ourego, perfumes..." A identificación da terra chega ó seu máis outo grado
nestes versos:
Xardís son as veigas i os altos
penedos;
xardín
delicioso volvéuse o toxal.
E unha pena que a maior
parte da obra de Xosé María Chao Ledo se teña perdido ou ande agachada por
páxinas de xornás esquencidos, case inacesibles. Cos poemas que del coñecemos,
abóndanos pra consideralo como un poeta esencialmente chairego, como un
apaixoado cantor da Terra Chá. Nos seus poemas andan os nomes de Villalba, Tardade,
a Virxen de Tardade, o río Trimaz... Chao Ledo era un poeta realista. Pero, ó
cantar a Terra Chá, idealiza as cousas i o mundo deica tal estremo que o toxal
é "un xardín delicioso".
Coido que canto dí
Manuel María sobor dos poemas de Chao Ledo é certo e reflexa moi ben a cras de
poeta que foi -e sigueo sendo, pois
vive na súa obra- o poeta villalbés, e penso tamén que abonda cos xuicios
expostos por Trapero Pardo, Carballo Calero e o mesmo Manuel María, pra
decatarnos de que Chao Ledo non foi un poeta calquera, que non foi un poeta
"pequeniño", que non foi un poeta "do montón", senón que é
merescente, polos seus méritos, de ocupar un posto máis destacado que o que
deica hoxe se lle reconocéu entre os poetas galegos, tendo en conta que un
escritor, ou un poeta, non pasa á posteridade pola cantidade senón pola
calidade da súa obra. En Chao Ledo, é certo, non temos cantidade, pro temos
calidade abondo pra erguelo a unha maor outura que a que deica agora acadóu.
Temos, por exemplo, entre outros, o poema A VOLTA DA PRIMAVEIRA que, cos seus
vintecatro versos, Manuel María e un servidor de vostedes consideramos
verdadeiramente antolóxico e dino de figurar entre os millores poemas galegos
de tódolos tempos. E de que Chao Ledo era un bon poeta danos testemuño o feito
de que un dos meirandes poetas galegos, Noriega Varela, adicóulle, despois de
morto o villalbés, o seguinte poema que, inda que esteña escrito en castelán
-Noriega tiña esas cousas, e tamén compuxo en lingoa castelá o poema que lle
adicóu ó seu grande amigo Antonio García Hermida, no cabodano da morte deste-
non me resisto a poñelo eiquí:
RECUERDO
AL ESCLARECIDO POETA
DON
JOSE MARIA CHAO LEDO
¡Murió
Chao y sus glorias
Nadie
pregona!
¡NI hay quien lleve a su tumba
Verde
corona!
¡Las
campanas de aldea
Tocan
a muerto!
Llegó
el sol a su ocaso
con
paso incierto.
No
trinan en el bosque
los
ruiseñores;
El
vendaval arrastra
las
mustias flores;
Oculta
está la luna
tras
las montañas;
Lloran
los campesinos
en sus
cabañas;
Visten
sacros altares
negros
crespones;
El
dolor atormenta
cien
corazones.
Los
quejumbrosos pinos
gimen
su pena
y es
teatro Mourence
de
triste escena.
Murió
Chao y su nombre
llega
al olvido.
¡¡Si
supiera Galicia
lo que ha perdidol!
A incrusión deste
fermoso poema. orixinal do mítico Cantor da Montaña. neste LIMIAR. xustifícase
polo que supón de reconocemento do valor de Chao Ledo como poeta e da grande
perda que supuxo prás letras galegas a súa morte ós cincoenta anos e tamén
porque, ó mesmo tempo dase a coñecer púbricamente unha composición poética de
Noriega que supoño inédita e, xa que logo, iñorada ausolutamente na
actualidade, posto que aqueles que puideron ter noticia dela coido que a maor
parte xa morreron e, si algún deles vive aínda, terala esquecida fai moito
tempo porque os anos tampouco respetan a memoria. Eu atopéina, de casualidade,
como se fan os grandes achádegos, correndo o mes de marzal deste ano no que
vivimos ou, si queredes, imos morrendo, suposto que a vida consiste principalmente
neso, en ir morrendo -"Morrendo a cada intre", que é o tíduo dun
fermoso libro de Manuel María- desque un nace morrendo. E atopéina, manuscrita,
non do puño e letra de Noriega. pois conozoa moi ben por ter autógrafos dél,
nun vello caderno escolar nos que aparecían tamén, escritos á mau cecais por
algún dos seus familiares ou parentes, moitos dos poemas de Chao Ledo. Son
estas, cousas curiosas que un anceia contar e dar fe delas co fin de que non se
perdan pra sempre e podan servir quizabes -nunca se sabe o que pode sere
aproveitable ou non-, a aqueles que, no porvir, sintan inquedanzas por estas
custíós.
Outra cousa que atopéi
no curso das miñas investigaciós encol de Chao Ledo, pra documentar os
comentarios que tiven que facer -onde hai letras calan barbas- cando fun
encarregado polos Pepes villalbeses de falar sobor do noso poeta o día catorce
de marzal deste ano, foi o acordo -dato tamén iñorado por todo deus- tomado
polo Axuntamento de Villalba pra dar o nome de Chao Ledo a unha das rúas da
nosa vila. Tal acordo pode lerse no Libro de Actas correspondente ó ano 1914
do que copiéi o que pró caso compría mentar e que foi o seguinte:
"Sesión ordinaria
del día 12 de diciembre de 1914.-En el Salón de sesiones de la Casa Consistorial
del Ayuntamiento de Villalba a doce de Diciembre de mil novecientos catorce.
Bajo la Presidencia
del Señor primer Teniente de Alcalde Don José María Orosa Gómez, por hallarse
en uso de licencia el propietario -o propietario, acraro eu, era don Andrés
Basanta Olano-, se reunieron los Señores Concejales que al margen se expresan
para celebrar la sesión ordinaria de este día...". Eiquí quero poñer os
nomes dos concellales que tomaron tal acordo, pra agradecerlles tamén a eles
-inda que todos deixaron xa este baixo mundo- no meu propio nome e no de moitos
villalbeses que pensan coma min, ese acordo que os honra o mesmo que eles
honraron a Chao Ledo e a Villalba ó tomalo. Foron, baixo a presidencia do
nomeado don José María Orosa, os seguintes: don Domingo García, don José Canto,
don Luis González, don Tomás Cazón, don Manuel García Olano, don Ramón Santomé,
don Luis Vázquez-Rua, don José Prieto, don Saturnino Goás e don Ramón Hermida.
E na acta correspondente dí eisí: "Los señores Concejales acordaron dar
el nombre de Don José Marra Chao Ledo, a la calle que se habra -pon habra,
co hache, tal como o escribo- con motivo de la construcción de la
carretera del Estado que de esta Villa conduce a Meira, todo con el fin de
perpetuar la memoria de aquel hijo de esta Villa." Sabemos que aquela Corporación sentía
inquedanzas por honrar ós fillos escrarecidos de Villalba, pois ela mesma,
unhos meses antes, concretamente o día 21 de setembro do mesmo ano 1914, xa
acordara tamén dar o nome de Manuel Mato Vizoso a outra rúa da vila, presidindo
naquela xeira a Sesión o alcaide propietario don Andrés Basanta Olano.
Inda que Lence-Santar e
Guitián nos dí nas súas NOTAS BIOGRAFICAS... que "Ninguén conoce a este
ilustrado crego e ispirado poeta, agás unhos cantos vellos i outros cantos que
van camin da vellés, do bispado de Mondoñedo"
-Lence escribia en
1929- penso é do ano 1908 -ano no que Manuel Mato funda a revista EL ECO DE
VILLALBA de onde arrincan a preocupación e as inquedanzas por dar a coñecer a
Chao Ledo, inda que sexa choutando por riba de longos espacios valeiros;
inquedanzas que chegan deica o presente ano 1975, o que proba que o poeta non
foi esquencido dun xeito ausoluto,
como podemos comprobar pola bibliografía que eu puiden manexar e que figura ó
remate deste libriño, pra que se seipa.
"O cantar do
galeguiño é cantar que nunca acaba..." Cecais sexa por eso polo que me
saléu tan longo este LIMIAR, pro non quero rematalo sin decir que, pra enxuiciar
a poesía de Chao Ledo hai que poñerse no seu caso,no seu tempo, na carreira que
siguéu, na profesión que escolléu "vocacionalmente" e tendo moi en
conta a formación que recibéu i o lugar en que lle foi dada, a bisbarra en que
nacéu e na que vivéu a maor parte da súa vida, a xente coa que convivéu e a
maneira de pensar e de vivir desa xente á que él endexamáis foi alleo e coa que
gostaba de parolar, sentado no escano, tras do lume, en calquera cociña de
aldea, cecais comendo unhos zonchos ou unhas papas con leite recén muxido
dunhas vacas que ollarían ó poeta cunha longa ollada tranquía dende a corte
separada da cociña por unhas chantas pouco máis outas que un cativo de seis
anos. Chao Ledo foi crego porque quixo e non un crego calquera senón un crego
villalbés, formóuse en Mondoñedo onde mamóu unha certa tradición poética da que
nos fala Manuel María e vivéu nunha terra -a terra villalbesa- i entre unha
xente -"A xente da montaña, a xente miña, cara a Dios se encamiña",
dixo Noriega que inda hoxe pensa e sinte dunha maneira moi personal, moi
tradicional e moi mergullada no espritoal. Entón, non pode esixirselle a Chao
Ledo -crego villalbés do século pasado- dende a outura do noso tempo, nin
siquera postos no tempo que il vivéu, que fixera unha poesia
"belixerante", ó xeito de Curros ou de Darío Xohan Cabana -por citar
un dos vellos i un dos máis novos poetas galegos "comprometidos"-.
Non pode esixirselle eso a Chao Ledo, como semella querer facer o meu querido
amigo Xosé Chao Rego -escritor descendente do poeta-crego- ó que dou eiquí as
gracias polo EPILOGO que escribéu a requerimento dun servidor de vostedes. Nin
podemos tampouco acusar a Chao Ledo de "idealizar" as cousas, como
parez que fai Manuel María. Chao Ledo, polo que fumos vendo del, era un home
moi sinxelo, moi enxebre, moi homilde, moi espritoal, moi tenro, fondamente
relixioso, tal e como debe ser un crego, e moi achegado física e
intelectualmente á terra que era a súa terra i a xente que era a súa xente.
Chao Ledo era, ademáis, coma tódolos villalbeses, moi independente, moi seu, e
deso ven o que fixera a poesía que lle petaba, a poesía que sentía, a poesía
que vivía, e deso ven tamén o que, pra decir esa poesía, empregara as verbas de
uso común, as verbas que empregaban os “peilaos" pra parolar unhos cos
outros, a fala de tódolos días que tódolos días escoitaba nos beizos dos
paisanos. Por eso os seus versos están cheos desa sinxeleza, dese enxebrismo,
desa homildade, desa tenrura, desa relixiosidade, desa espritoalidade, dese
idealismo, desa independencia que lle son carauterísticas. Chao Ledo levaba na
alma un xardín e dese xardín arrincóu esas fermosas froliñas que son os poemas
que imos ler e que inda hoxe enchen o ar co seu arrecendo. Eis polo que o autor
de HISTORIA DUNHA ROSIÑA volve a nacer pra non morrer endexamáis.
Villalba da Terra Chá
Outono do 1975