26-ABRIL-1974
María Victoria Moreno
Márquez, profesora de literatura, autora do libro MAR ADIANTE (Historias de
nenos pra nenos), libro fermoso i engaiolante, libro cheo de tenrura, beleza e
sinxeleza, é autora ademais da antoloxía bilingüe –en galego e castelán- OS
NOVÍSIMOS DA POESÍA GALEGA, que saleu á rúa nos primeiros días de xaneiro deste
ano. I o caso curioso é que María Victoria naceu en Valencia de Alcántara –Cáceres-, fixo o bachillerato
en Barcelona, a carreira de Filosofía e
Letras en Madride, e nembargantes fala i escribe un galego que da xenio oílo e
léelo, Como iso e algo fora do común e a sorte quixo que María Victoria viñera
a Villalba, eu, coma sempre, aproveitei a ocasión pra facerlle unhas preguntas
que fai tempo andábanme bulindo nos miolos, cecáis por aquelo de que eu son un
“termocéfalo” dos máis “termocéfalos” que se poden atopar polo mundo adiante.
-María
Victoria –lle digo-. Si non che parece mal, quixera facerche unhas preguntiñas
–eso que chaman entrevista- pra pubricar no PROGRESO, de Lugo, que é o xornal
no que veño colabourando dende fai vintecinco años –fixoos o día sete deste mes
de Abril-. Con este traballiño celebrarei, xa que logo, as miñas “Bodas de
Prata” co meu xornal. ¿Qué che parece?
-O
que eu teño que facer é darche as gracias porque pra min é un grande honor que
unha persoa da túa humanidade celebre as súas BODAS DE PRATA co PROGRESO
parolando conmigo, que non son ninguén. Ou sexa, que me parez extraordinario.
Xa
que estás de acordo imos aló. Xesús Alonso Montero di, na “Presentación” do teu
libro MAR ADIANTE, que ti es coma “unha fada chovida do ceo que de vez en cando
ten o acordo de escribir pra regalo de nenos –e de grandes- do noso país” Eu
quixera saber que atopaches ti en Galicia e na nosa lingoa pra vencellarte tan
fondamente a elas de xeito que es “unha galega máis” e non unha galega calquera
senón unha boa fada galega –ben sabes que tamén temos malas fadas en Galicia- o
cal quer decir que xa es algo mitolóxico e polo mesmo “inmorredeiro”.
-¿Párceche
desmesurado que che diga que Galicia me deu todo o que teño? Eu rematei
Filosofía, casei e atopeime en Pontevedra. Todo en vinte días máis ou menos.
Eiquí comencéi a vivir en serio, a rir
en serio, a chorar en serio, a traballar
en serio... Eu son unha muller dende que cheguei a Galicia e por eso coido que
é a miña terra. Podes comprender que, si Galicia non me é indiferente, a súa
fala tampouco. Eu son unha profesora de Lingoa e quero ser unha muller que
respira na vida. Por esto penso que a situación do Galego non se pode ver con
indiferencia. Si estou coa xente que amasa o meu pan e máis coa que colle no
mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar co eles: falar a súa fala.
-A
morte dunha lingoa. María Victoria, no que eu entendo, é unha perda tremenda
non soio pro pobo que a sofre senón prá humanidade enteira. A lingoa galega,
penso eu afincándome na miña esperencia persoal, corre o risco de desaparecer
en pouco tempo. Poñamos vinte anos, que non son moitos. Xesús Alonso Montero sinala
o perigro no seu libro –polémico- INFORME – DRAMATICO-SOBRE LA LENGUA GALLEGA.
Pola túa profesión e cunha esperencia moito meirande ca miña podes dar unha
opinión “de peso”. ¿Queres facelo?
-Estóu
todamente de acordo contigo no feito de que a morte dunha lingo é unha gravisma
perda. E tamén estou todamente de acordo co Xesús Alonso Montero no seu xeito
de prantexar o problema. Eu tiven ocasión de pulsar a actitude de Pontevedra
encol do galego e do castelán nun traballo de sociolingüística que fixeron
miñas alumnas de COU do Instituto e o resultado foi magoante: a estensión do
galego non chega ó tercio da poboación na xeneración máis vella. Nas novas é
aínda máis baixo. A opinión máis xeralizada é a de que o galego é lingoa pra
espresar a intimidade e son moi poucos os que lle reconocen os seus dereitos de
lingoa “cabal”. a confusión é grandísma e, neste contesto, é lóxico temer unha
sustitución a favor do castelán. Nembargantes, os que vivimos hoxe aínda temos
algo na nosa mau: facer do Galego a lingoa de cultura que foi outrora e que
deixou de ser polos tristes ventos da sua historia.
-Supoñendo
que a lingoa galega puxe pra riba, penso que temos a obriga de “fixala” deica
onde sexa posíbel, xa que veño ouservando que cada un escribe á súa maneira,
coma sempre, pois esto non e nada novo. ¿Qué podería facerse niste senso?
O
que eu penso neste sentido é que, pra que puxe, compre fixala primeiro. A
diversidade que hoxe amosa é froito do seu devir truncado i, ó mesmo tempo, é
causa de desconcerto...E o desconcerto remata sempre no mesmo: na sustitución
polo castelán, onde non hai posibilidade de desconcerto porque é a lingoa onde
cadaquén recibiu a moita ou pouca cultura que teña. Neste intre hai
institucións que traballan pola fixación do Galego. O Instituto de Lingoa
Galega da Universidade de Santiago está a facer moito cos seus cursos. Coido
que tamén é tarefa dos escritores e de todos os que pensamos que en Galicia
débese falar galego.
-Hai
unhas formas que non aturo. Trátase do emprego do “ao”, “aos”, “pra os”, “pra
as”... Xa sei que, dende Alfonso X o Sabio, pasando por Paio Gómez Chariño
deica Celso Emilio Ferreiro, pódense atopar moitos autores que as empregan; pro
Añón, Rosalía, Curros, Pondal, Noriega e moitos outros, escriben ó aberto, con
acento circunflexo. O mesmo Murguía, Presidente dos Primeiros Xogos Froraes de
Galicia, celebrados en Tui o 24 de Xuño dó ano 1891, Alfredo Brañas, que fixo
de Mantedor, e Salvador Cabeza León, que foi segredario dos “Xogos...”,
empregan ó aberto nos seus discursos e “Memoria” daquela data. Eu penso que o
“ao” e compaña son arcaísmos que non veñen ó caso nistes tempos. Xa Riguera
Montero loitou contra deles e podémolo ver no libro PELÍCULAS ACADÉMICAS,
editado no ano 1908. Da composición “Falar enxebre”, que nese libro firma Ramón
da Penela, collo estes versos:
Eu fun por Galicia adiante
e pol-o ao preguntei,
y en ningures atopei.
unha moda semellante.
Paso
pola supresión do apóstrofo, pro non aturo a “ao” e compaña. E ti, no libro MAR
ADIANTE –fixéime ben- escribes ó, pro, prós, como é debido. ¿Teño razón ou non?
Neste
sentido eu sigo as direitrices do Instituto da Lingua Galega e tamén o que,
asegún teño visto, e xeral na fala popular. A ortografía “ao” pódese deber a
lusismo ou arcaísmo e penso, coma ti, que non hai por qué aturar co ela. As
lingoas de cultura que tiveron un camiño sin interrupciós amosan grafías
arcaizantes que teñen a súa razón de ser na autoridade dos crásicos. Pro o
Galego ten unha historia diferente, sin humanismo, sin crásicos. Soio ten cen
anos de literatura. Por eso eu coido que as grafías deben axeitarse á fonética
de hoxe...Si temos sorte, serán arcaizantes cando pasen douscentos anos máis.
-O
máis intresante, pra min, xa cho preguntei. E como teño o costume de que nas
entrevistas que fago, cando podo, á xente importante que vén a Villalba, sexa o
entrevistado o que remate, o que ceibe as derradeiras verbas, ti dirás, María
Victoria...
-Non
é por compromiso, Xosé Luís. Pro estou na Chaira dos poetas, contigo e con
outros amigos moi queridos. Nesta sobremesa en bon agarimo e bon viño, soio
podo levantar a miña copa nun desexo de saúde e folgo pra todos vós, que tanto
estades a facer por Galicia, pola súa fala, pola súa poesía...