Can senlleiro


Cecáis pensades vós
-xa que somentes teño
dúas patas
e gasto calzós-
que son un home máis
un de vosoutros
-quero decir que teño medo
de que pensedes que tamén eu son
iso que vós chamades home-
pro...
sintindoo moito, nego, nego.
Eu son algo máis nobre:
Son un can.
¡Eu son un can senlleiro!

Á conta do meu sangue carraxento
que os quenta dende lexos
hai corazós que siguen latexando
i acesas no meu lume polo mundo
moitas fogueiras siguen aínda ardendo.

Gracias á miña dor hai moita xente
que pode ir pola rúa coma quen
non quer a cousa ca sorrisa nos beizos,
cunha sorrisa que fede, cheira a podre,
dende moi lonxe no espacio e máis no tempo
pro agrómalles nos labres ós falsarios
gracias á miña dor de can senlleiro.

Matéi as ilusiós na miña alma
coma quen mata un cocho no cortello.
Cravei fondo, moi fondo, no pescozo
da miña espranza un ferreño coitelo
pra que as ilusiós i a espranza miñas
non seguiran feríndovos arreo
e fiquei soíño, soio, soio,
soio comigo mesmo,
can sen dono
sen aira
sen palleiro
soíño co que son...
¡Un can senlleiro!

Agora xa... ¿pra qué?
non ladro nin oubeo.
Dádesme pena e sinto fonda a mágoa
de saber
nembargantes de vervos sorrir ledos
que sendo eu só o que son
son eu máis nobre
que cen mil de vosoutros nunha pila.
¡Eu, un probe can sen dono,
un can senlleiro!