O Neno chora no berce
i a mai non sabe que ten,
cólleo no colo e sorrille,
cántalle canciós de mel:
¡Cala, meu filliño, cala,
non chores, meu caravel,
non chores, miña xoíña,
non chores, meu doce ben,
pois si Tí sigues chorando
hei de chora eu tamén.
O Neno sigue chorando
ía a mai
non sabe que ten.
O Neno
sabe que chora
un mañá en
Xerusalén.
Nin acaneos nin bicos
lle sirven a mai pra ren.
Nin canciós nin agarimos
adormentan ó recen.
A mai cáseque tolea
e xa non sabendo que
facer pra que o Neno cale
rompe ela a chorar tamén
i as bágoas de mai e fillo
regan o chan de Belén.
O Neno chora
que chora
i a mai
non sabe por qué.
O Neno
sabe que chora
cruces e
cravos pra tres.
A Virxen Mai non sospeita
que Xesusiño naceu
pra espallar a Boa Nova
e por iso ha de morrer
na cruz antre dous ladrós
moi lonxe de Nazareth
pois a xudeos e romanos
non lles convén ise Rei
que nembargantes morrendo
impuxo unha nova Lei
que fixo ós escravos ceibes,
ceibes e homes de ben.
A mai non sabe por qué
O Neno
teima en chorar
O neno sabe
que chora
polos que o
han de matar.
A Virxen, moza belida,
a Virxen, maiciña loira,
a Virxen, churrusqueiriña,
non sabe que o Neno chora
por cantos han de morrer
defendendo a Boa Nova
que fenderá en dous anacos
o tempo que conta a Historia
e fará ceibes ós homes
que escravos foron outrora.
O
Neno teima en chorar
i a
mai non sabe por qué.
O Neno
sabe que chora
mortes
en Xerusalén.
Bágoas da mai e do Neno
estannos abrindo as portas
polas que un día entraremos
ledos, sorrindo, na Groria.
Mais polas mágoas que sofren
ne estrano choren agora
a mai porque chora o Neno
i o Neno vendo xa o Gólgota.