Quero ser mariñeiro


A Pepe Beltrán Veiga,
que sabe do amor ó mar.

Hei de facer unha barca
pequeniña e mariñeira
inda que nacín chairego,
pois dende que vin o mar
eu sei da beleza infinda
e quero ser mariñeiro.
Pra un día te levar
¡meu amor!
Pra un día te levar
a navegar
polo mar de Foz.
Dende que fun á Mariña
enamoréime do mar
inda que nacín labrego
i un degaro que me mata
non me deixa durmir sono:
¡eu quero ser mariñeiro!
Pra un día te levar
¡meu amor!
Pra un día te levar
a navegar
polo mar de Foz.
Descalciño de pé e perna
mouro do sol e do vento
serei pescador de estrelas
indo e vindo polo mar
de infindos camiños longos
na miña dorna pequena
I heite de levar
¡meu amor!
Heite de levar
a navegar
polo mar de Foz.
Saliréi coa luz da ialba
pra voltar de noite ó porto
cansadiño de remar
coa barca chea de estrelas
noviñas e briladoras
pra che facer un colar.
Pescarei estrelas
¡meu amor!
Pescarei estrelas
pra ti
polo mar de Foz.


Desque vin a Rapadoira
xa non quero ser brañego.
Namoradiño do mar...
¡eu quero ser mariñeiro!
I heite de levar
¡meu amor!
Heite de levar
a navegar
polo mar de Foz.