O libro de Helena (limiar)


“... pois gracias ás Musas e ó arqueiro
Apolo viven sobre da terra homes que
cantan e saben tocar a cítara.”
HOMERO – “Himno ás Musas”

            Helena co hache diente – cecáis anda Troia polo medio – é, no pensamento do poeta, unha deusa, unha musa, unha fada que ven do mito e volta pra él inspirándolle, de paso, versos ó xograr. En canto que é todas e cada unha desas tres cousas, pódese decir que Helena é tamén unha muller; pro non unha muller calquera desas que poden verse a cotío pasar pola rúas do pobo ou da cidade camiño de ningures ou de non se sabe onde, ou tripando as corredoiras da aldea indo prá casa ou vindo dela co fin de percurar mantenza prá a xente ou prós animás. Decátase un entón, doadamente, de que Helena non é unha muller no senso corrente da verba senón que é a MULLER, ou sexa o IDEAL que, xa se sabe – o poeta sábeo millor que naide - , non eisiste na realidade. Nembargantes, tamén é sabido que os poetas, e sobre todo os poetas líricos, non viven de realidades nin arelan manterse delas senón máis ben de soños, de ilusiós, de pantasías, pra fuxir eisí da tristura que encerra o mundo concreto, real, imperfeuto, que teñen ó redor.
            Os poetas líricos – os outros tamén, pro menos – saben moi ben – con Shakespeare – que “ estamos feitos da madeira dos soños” e saben moi ben – con Homero – que “ tamén os soños son obra de Zeus” e por iso, en troques de andar pola terra na compaña de seres materiaes que arrepían o esprito e fan doer os ollos do corpo e da alma, prefiren ir senlleiros, de vagariño, por riba das nubes, ou do sol, ou de estrelas inda máis lonxanas, á percura dos biosbardos que soñaron, ou soñan, ou pensan soñar aínda, anque sepan tamén por adiantado que endexamáis poderán atopalos.
            As cousas son eisí, non hai que darlles voltas. Mentras vai lembrando e relembrando ontes, soños, vidas que vivéu e mortes que morréu, o poeta, de camiño, camiño a camiñar, vai falando con Helena – deusa, musa, fada, mito, muller – daquelo que se lle ven ás mentes e que coida necesario ceibar de sí se non quere corré-lo risco de estoupar como unha castaña das que se botan no lume pra asalas sin encetar.
            Eis o que, quizabes, xustifica o nacemento deste libriño e de moitos máis libriños do mesmo xeito que andan polo mundo de porta en porta, de alma en alma, de corazón en corazón. E andarán mentras...
            ... Mentras os poetas non podan acadar o derradeiro acougo repousando pra sempre a cansa cabeza no seo da máis fidel das Helenas. Aquela chamada Morte.


XOSE LUIS GARCIA MATO 

Villalba, 27 – Xaneiro – 1.976