¡Ai, dor do camiño longo!



O camiño que me leva
sempre me leva pra tí.
Se non fora ese camiño
eu podía ser feliz
pois cando penso que chego
máis lonxe teño que ir.


                        ¡Ai, dor do camiño longo!
¡Longo camiño sin fin!
¡Légoas e légoas andando
pra nunca chegar a tí!
¡Ai, dor do camiño longo
que sigo desque nacín!


O camiño que me leva
non sei si me levará
da ribeira do meu río
á ribeira do teu mar
pois canto máis ando e ando
máis lonxe de min estás.


¡Ai, dor do camiño longo!
¡Fonda e longa dor en min!
¡Camiñar toda unha vida
pra nunca chegar a tí!
Se non fora ese camiño
eu podía ser feliz.


No camiño que me leva
hei morrer coa señardá
pois si dou un paso adiante
tí das dous pasos atrás
e dese xeito, ruliña,
a tí non podo chegar.

¡Ai, dor do camiño longo
que fuxe diante os meus ollos!