Lembranza de Chao Ledo



Díxome a rapaza:
-        ¿E quén era Chao Ledo?
-        Chao Ledo érache un crego
vilalbés e poeta.
-        ¿E pra qué valen os poetas?
-        Pra decirlles ós homes
que todo non é terra
e que hai neles
anaquiños de lúa
de sol e máis de estrelas.

Díxome a rapaza:
-        Tí non estás moi cordo ¿Non é certo?
-        ¿E logo, rapaceta?
-        Porque non falas coma a xente.
Tí és un raro. Falas doutra maneira.
-        E que tí non liches a Chao Ledo
nin soñas anduriñas viaxeiras.
  
Díxome a rapaza:
-        ¿E pra qué val soñar e ler poemas?
-        Pra ser páxaro e fror.
Pra ser esprito e luz.
Pra choutar por riba das estrelas.
-        Case me convenciche.
Se cadra un día leréi eu a Chao Ledo
deitada na ribeira.
Se cadra un día tamén faréi poemas.