Carta de lonxe



¿Dende que noite non me soñas, poeta,
e dende que morte non me escoitas?
¿Dende que dor tan fonda me esqueciche
pra que a túa estrela non me olle?
¿Con qué vento te fuche
en que solpor
pra onde non chían nunca os paxariños?
¿Por qué camiño que non era de homes
te perdiche arelando aquela lúa
que xa sabías de neno que non é?
Chaméiche Esquecemento arrepiada
polo longo silenzo dos teus beizos
e axionlléime diante o teu misterio
lembrando a ollada dos teus ollos tráxicos.
¿Non falarás comigo novamente?
Eiquí me tes na anterga encrucillada
agardando que voltes da túa morte
pra escoitar outra vez as túas verbas
á sombra dos luceiros axexantes.
Eiquí me tes pregando a Deus milagres.