Dando novas tuas (Limiar)


Comenzamos este limiar con dór e emoción. Xosé Luis García Mato foi un amigo moi querido para este que escribe e o símbolo máis fondo e nidio das trascendentes esencias de Villalba, capital da miña tribu natal e da propia patria poética.

Dentro da historia da poesía galega existe una Escola Poética da Terra Chá e, dentro desta, una Escola Poética Villalbesa formada, deica o de hoxe, por Xosé María Chao Ledo (1844-1894), Manuel Mato Vizoso (1846-1909), Antonio García Hermida (1885-1939), Carmiña Prieto Rouco (1901-1977) e Xosé Luis García Mato (1924-1980) ademáis doutros poetas menores como Manuel Vázquez de Parga, Conde de Pallares; Xosé Cacharón López; Vicente García Hermida; Antonio Cillero; Pablo Pena de Olano; Antonio Quintela Ferreiro; María del Carmen Silveiro; Orlando Surribas. Ás derradeiras xeraciós pertenece Xosé Luis García Ferreiro, neto de García Hermida e fillo de García Mato.

Non é este o lugar para falar da Escola Poética Villalbesa, nin da importante vida cultural de Villalba dende o século pasado deica os nosos días. Abonde con decir que Xosé Luis García Mato foi un importantísimo animador cultural da Villalba da posguerra.

Dentro da serie Os Poetas da Terra Cha, o propio Xosé Luis García Mato publicou un artigo en El Progreso, de Lugo o 13 de Agosto de 1970, que é a súa autobiografía, na que deixou unhos datos preciosos. O artigo titúlase O Guedelliñas e dél vou transcribir unhos párrafos que explican a vida e as tarefas literarias nas que andivo empeñado:

"Foi Antón García Hermida o que lle puxo o alcume a este poeta do que vos vou falar hoxe. E púxollo xa que logo porque O Guedelliñas éravos iso talmente: un guedellas pequeneiro e feo. Era un cativo que tiña unas guedellas longas, mouras e mestas, sempre en punta como un deses cepillos que se empregan para fregar o chao das casas que o teñen de madeira. Eran unhas guedellas que mesmo daba xenio velas, de xeito que Antón Ponte, que era o pai do cativo, púxolle ise alcume sínda que moi pouca xente o sabe ou si o sabía non se acorda. Somente Pablo Pena cando ven de vacaciós ó povo de vrao, si o ve, dícelle: " E logo, ¿cómo che vai, Guedelliñas? " E que Pablo Pena era moi amigo de Toñito da Ponte, tan amigo que aínda se lembra de memoria dos versos Aquiles de Festa na Vila que dín: "Ei rapaces, ceibade un atruxo...".

"O Guedelliñas naceu na vila de Villalba o trece de Sega de 1924, (...) leva unhos vinte anos escribindo nos xornales, pro... somentes de cando en cando, cando lle peta, pois é un tipo un pouco rarete que fai versos a cada morte de Papa..."

"O Guedelliñas ten pubricados algunhos traballos en verso galego e castelán, nun semanario moi simpático que se chama Las Riberas del Eo, e tamén saleu un no xornal El Progreso, de Lugo e outro nunha pubricación chamada El Gorgo, que desapareceu.

O Guedelliñas non se presentou moitas veces a iso que se chaman concursos literarios, pro acadou algunhos premios: un do xornal Pueblo, de Madrid, no ano 1951, outro nun concurso que se celebrou no ano 1954 polas festas do Corpus en Lugo. Tamén ganou un premio de contos do Pueblo Gallego de Vigo, no 193 e iste memo conto ganou a fase provincial, por Oviedo, no concurso Nacional Literario del Servicio Español del Magisterio, pois daquela O Guedelliñas era mestre nacional nunha aldea asturiana, o que hoxe sigue sendo nunha aldeiña da Terra Cha".

Compre decir que súa nai, ben querida e lembrada en Villalba, chamábase Dna. Irene Mato Grandío.
Xosé Luis García Mato foi un adolescente ateigado de curiosidade, de inquedanzas e desasosegos, nos anos difíciles e confilctivos da posguerra, cheos de privaciós, de pesimismo, resiñación e conformismo. Comenzou a ganarse a vida como funcionario. Estivo destinado unha tempada en Monforte de Lemos e máis tarde acadou traslado a Villalba. Casouse moi mozo e comenzou a ter familia numerosa. Deixou o emprego oficial e traballou unha tempada en Jaén nunha empresa constructora. Foise facendo mestre por libre e como puido, na Escola Normal de Maxisterio de Lugo. Polos anos cincuenta e tanto opositou con ésito e adxudicáronlle, en propiedade, a escola de Chao de Pousadoiro, na Ribeira de Piquín, onde conoceu e tratou ó filólogo Aníbal Otero.

No ano 1962 estivo no Grupo Escolar de Asúa, en Bilbao. No mesmo ano era o mestre de San Cosme de Cudillero, en Asturias. Por esta época, para sacar adiante a súa numerosa familia, que seguía vivindo en Villalba, traballou, polo vraus, nun hotel de Gijón.

Máis tarde voltou para Galicia. Enviudou. Foi bastantes anos mestre no Barrazoso, onde houbo unha famosa feira, na parroquia de Gaibor, non lonxe de Villalba, onde seguía residindo, levando a contabilidade da dasaparecida industria "San Remo".

Derradeiramente era mestre en Goiriz, no concello villalbés. Morreu en Villalba o 21 de Xaneiro de 1980.

Xosé Luis Garcia Mato foi un autodidacta cunha chea de limitaciós moi serias. Non podía ser doutro xeito na época na que a él lle tocou formarse. Nos anos da súa mocedade andaba moi preocupado polo home e o seu destino. O seu humanismo estaba fortemente contaminado polas ideas do humanismo cristiano, tan de moda nos anos cincuenta. Mais tarde, ó correr dos anos, foise interesando cada vez máis  por Galicia e pola súa cultura. Comenzou a escribir poemas e prosas en galego. Todolos poetas mozos da Terra Cha eran seus amigos e visitábano cando iban a Villalba. O seu galleguismo era máis sentimental que outra cousa. Aínda non o racionalizara. Con todo o sentimento galego era fondo. Iba moito máis aló do simple e sinxelo emprego do idioma.

A obra de García Mato anda perdida polas llanas dos xornales, maiormente nas de El Progreso de Lugo. Moitos dos seus traballos foron premiados en concursos literarios e, moi especialmente, nos certámenes de Villalba, dos que hai que destacar a serie de artigos Poetas de Tierra LLana, do ano 1970 e Contos e Lendas da Terra Cha, en colaboración, no ano 1971. Esta derradeira seire constituiu unha aportación de primeira categoría á etnografía galega. Tíñase a impresión e víñase repetindo abondosamente, que na Terra Chá non había cancións, ni romances e que apenas había lendas. Este traballo demostra, sin deixar dúbidas, todo o contrario. Tratábase dunha investigación pacente, seria e concienzuda.

Moi importantes son os seus artigos de prensa que tratan temas villalbeses. Sería importante e útil recollelos nun volumen. E tamén hai que destacar as ediciós que fixo de dous poetas villalbeses: Xose Maria Chao Ledo e Antonio García Hermida.

Como poeta, García Mato non chegou, en vida, a publicar ningún libro. Deu a coñecer poemas soltos en xornales e nos programas de festas de Villalba: Era poeta en galego e castelán. Os poemarios que dixou inéditos son:

CANCIOS DO LUME NOVO, 1956.

VERSOS JOVENES. CANCIOS SINXELAS, 1958-62.

VERBAS PRA UNHA RAPAZA, 1971-72.

ROMANZE FONDO E LONGO, EN NOVE CANTOS DE LENDAS DA TERRA CHA.

POEMAS DE MIN PRA VOS, 1972-73.

O LIBRO DE HELENA.

Tivemos nas nosas maus, hai moitos anos, unha copia de Canciós do Lume Novo. Eran versos de feitío tradicional, xeralmente de arte menor, moi sinxelos, cheos de gracia e de lirismo.

Nos xornales publicou composición dun libro totalmente en castelán, POEMAS DEL HOMBRE SOLO que, no que coñezo, son poemas referidos ás crises internas do poeta, testimuña das súas fondas preocupaciós esistenciales, moi ó xeito de Unamuno ou de Papini. Versos intimistas, crispados, inconformes, berros sun soítario, que cantan e ás veces oubean a soedade e o desamparo do ser humano.

VERBAS PRA UNHA RAPAZA é unha serie de dez poemas amorosos, cunha unidade temática e formal, de corte que se pode clasificar como neorromántico.

O ROMANCE FONDO E LONGO EN NOVE CANTOS DE LENDAS DA TERRA CHA non representado nesta escolma. Trátase dunha especie de poema épico. Son once romances de arte maior de desigual longura. A versificación é solta e graciosa. Son narración en verso de temas tradicionales, que se poden emparentar coa poesía descriptiva e costumista de Lamas, Chao Ledo ou do Noriega de Montañesas.

Entre os poemas escritos e publicados por García Mato hai algunhas panxoliñas. Eiquí o noso poeta semella seguir a tradición dos cantores do Nadal de Mondoñedo, que floreceron a remates do século XVIII -Antonio María de Catro e Neira, coñocido como o "Cura de Argomoso"; Luis Corral e Xacinto Romualdo López- tema que pasa ó villalbés Chao Ledo, que lle deu unha nova dimensión, e que chega a García Mato.

Tamén o tema do vento é común a Chao Ledo e García Mato. O vento que canto O Guedelliñas non é o que agarima, como nos versos de Chao Ledo, ós agros de centeo: é o vento Cantábrico que pasa pola Terra Chá, asustando ás cousas e oulando como un lobo. Un vento bruador e desmelenado que remata por calar así que perde os folgos. O silencio do vento remata por calar así que perde os folgos. O silencio do vento remata perdéndose no gran silencio de Terra Chá. Outro poema, verdadeiramente delicioso, é o titulado SO AS ABELANEIRAS, inspirado nas pastorales dos cancioneiros galaicos-portugueses, concretamente nas cantigas de Xohan Zorro e Pero Meogo, pro que García Mato traslada a súa terra Chá natal e ben amada, situando o desenrolo do poema nos arredores de Villalba. A lixeireza do verso, o lésico escolmado e arcaizante, a gracia poética esteada na musicalidade da palabra, fan deste poema unha delicadísima peza, tan fráxil que ún teme pronunciar as súas palabras pois pódense quebrar doadamente.

Nos poemas de García Mato sempre me chamou a atención a preferencia temática do mar. Esta preferencia cecáis se poida explicar por certa semellanza -moi no terreo da abstracción- que o mar pode ter coa terra Chá. Persoalmente a Terra Chá sempre me pareceu un mar de terra. E a García Mato, polo que semella, tamén.

Xosé Luis García Mato foi un bon poeta. Ten un posto de honra entre os poetas da TerraChá e, máis concretamente, entre os poetas villalbeses, cuia temática amplía. Tamén a súa lingoa, coa excepción de Chao Ledo, é a máis rica. Xose Luis García Mato escribía un bo galego popular.

Coido que a escolma da sua poesía, preparada con tanto amor polo seu fillo Xosé Luis García Ferreiro, villalbés e poeta como seu pai e seu abó, pode dar idea clara e xusta do labor poético de Xosé Luis García Mato.

Como prosista tamén e moi interesante. Tiña gracia, ironía e desgarro, cecáis deprendido en Papini, un dos seus autores de cabeceira. Foi autor dunha prosa rica e ben construida. Os seus traballos etnográficos e históricos son dunha gran solvencia científica. Compría recollelos en libros.

Xosé Luis García Mato,  O Guedelliñas, foi, pró que escribe un amigo moi querido. Co seu pasamento Galicia perdeu un escritor. A terra Chá quedou máis triste. E Vilalba quedou moito máis probe. Prós que fumos seus amigos, a súa lembranza quedará sempre en nós. E prós que non o coñoceron quedan os seus versos e as súas prosas. Nelas está aceso o lume daquela fogueira lima, boa e xenerosa que se chamaba Xosé Luis García Mato.


Manuel María
Monforte de Lemos, Xaneiro de 1983