Cando eu xa non esteña


Meu amor:
Eu ben sei que me queres fondamente
que me queres
como naide me quixo endexamáis
e que cecais por iso mesmo anceies
gardar loito por mín
e que quizabes
te poñas a chorar toda envoltiña
nun mouro chal de lembranzas
que xa serán antergas ...
cando eu xa non esteña.

Pola lei que me tés, amor moreno,
e pola que eu che teño a tí tamén
prégoche axionllado que me escoites:
Non gardes por mín loito, meu amor,
nin me chores
nin tan siquera
te lembres con tristura, moreniña,
do tempo aquel feliz que foi tan noso ...
cando eu xa non esteña.

Eu quero ollar dende as estrelas
como agroma a sorrisa nos teus beizos
ó lembrar o tempo que foi noso
i a dozura do amor que nos xungueu ...
E quero ollarte dende o meu luceiro
leda, lediña, leda, moreniña,
a lembrar o fondo amor que nos tivemos ...
Cando eu xa non esteña.

Eu quero que me lembres como si
en troques do pasado que seréi
houbera de ser ainda  o teu porvir
e houbera  aínda de ser o teu amor
nun tempo que xa non será meu ...
Cando eu xa non esteña.

Díse xeito eu quero que me lembres
coa tua sorrisa de sempre a frolecer
dóce, moi dócemente, nos teus beizos
como facías no tempo que foi noso
leda, lediña, leda, moreniña ...
Cando eu xa non esteña.