Caeu unha peseta


Caeulle unha peseta no chan
unha peseta, ren
cáseque nada
unha puta peseta.
I o home dobregouse
a recollela.

Despois ó mesmo home
caeulle tamén no chan un pito
-pito en galego quer decir pitillo-
i o home dobregouse a recollelo
o mesmo que fixera coa peseta
coa puta da peseta,
dobregouse o mesmiño.

¡Qué pena fonda sentín por aquíl home!
Un home pode dobregarse, pode,
baixarse a recoller do chan un pito,
pro non debe
dobregarse, non, endexamais,
pra apañar do chan unha peseta
unha puta peseta
-os cartos son de merda-
pois é coma si no mesmo intre
deixase de ser home e ter esprito.

¡Qué pena fonda sentín por aquíl home!
¡Qué pena fonda me deu
ó velo erguerse e ver
que aquíl home era eu!