O cuco na chaira


O cuco cuca na Chaira
pola banda de Baamonde
polos agros de Villalba
i alá na Feira do Monte.
O cuco que ven de lonxe.
O cuco cuca na Chaira
pro non quere ser chairego
i en canto fai a súa zafra
fuxe pra lonxanos eidos.
O cuco cuco cuqueiro.
O cuco volta prá Chaira
co empezo da primaveira
e cuca cuca cucando
voa pola Chaira enteira.
O cuco coa súa cuqueira.
Évos moito cuco o cuco.
O cuco cuco cucón.
Aniña en niños alleos
e non cuca onde ovos pon.
O cuco évos moito cuco.
O cuco rise de nós.