Panxoliña do vento


De ningures a ningures
polos camiños do tempo
ven e vai moi amodiño
un ventiño guitarreiro
ceibando cantigas tenras
pra arrolar a Xesús Neno.
Escoita...corazón.
Con polas dos rumorosos
fixo unha guitarra o vento.
Púxolle as cordas de vimbio
i as clavixas de salgueiro.
Todo pra cantar belidas
nadaliñas ó pequeno.
 Escoita...corazón
O vento fixo as cantigas
co ar que leva en si mesmo
e adeprendéu a cantar
nas agullas dos piñeiros.
Eies porque pecha os olliños
e adormece o pequerrecho.
          Escoita meu corazón
           como resoa na Chaira
           o vento feito canción.