De como e cando se fundou en Vilalba a "Hirmandade da fala"



Carballo Calero, na súa “Historia da literatura galega contemporánea” –segunda edición, páxina 614–, nunha das notas ó pé de páxina di: Hirmandade da fala. Cuadernos de propaganda. 1º Discurso do Dr. Porteiro Garea ó fundarse a Hirmandade de Santiago (28-Mayo-1918). Tipografía Galaica. Ruedas, 2.
Este cronista non nega que teña razón Carballo Calero en canto á edición no ano 1918 do 1º Discurso de Porteiro Garea, pro si está en condiciós de afirmar, ó mesmo tempo que escribe encol da fundación da “Hirmandade da fala” en Villalba, que do mentado Discurso houbo unha edición anterior. Imos velo de contado.
“O Heraldo de Villalba”, fundado e dirixido por Antonio García Hermida, pubricou o seu primeiro número o día 4 de Marzal de 1916 e xa no número 10, correspondente ó 16 de Xulio do mesmo ano, baixo o tiduo “Hirmandade da fala” pubrica o seguinte:
“O Dr. Porteiro Garea, moi conocido na nosa vila, prenuncióu en Santiago, ó fundarse a “Hirmandade da fala”, un notabre discurso na nosa doce faliña, o cal foi pubricado nun cuaderno (pirmeiro dos de propaganda) do que tiveron atención de mandarnos un exemplar. Leémolo de cabo a rabo e pareceunos moi acertado, moi patreótico e moi enteresante todo canto dixo o Sr. Porteiro. N-hay duda de que nós somos os que temos a culpa dos males que nos afrixen, e que nos somos os chamados a remedialos. Pro, convén que no s´apaguen os entusiasmos. Hay que espertar os d´aqueles que aínda están no letargo e facerlles ver que se Galicia ha de ser un povo forte e respetado, un povo dino da súa historia e d´un brillante porvir, com´o que nos pinta Porteiro no seu discurso, temos todos que axudar na medida das nosas forzas pra levantar o espritu do povo galego e proclamar ós catro ventos que a nosa terra deu e da ó mundo máis que sofridos segadores e polizontes. Empecemos, sí, por respetar a nosa armoñosa fala, a yalma da terriña, e donde queira que cheguemos non s´avergonzar de falala, e decir coa frente moi alta: ¡Son galego!...
Felicitamos ó Sr. Porteiro polo seu discurso y agradecemos en canto vale o fino obsequio”.
Polo que rematamos de ler fica, pois, demostrado que o discurso do Dr. Porteiro foi pubricado xa o ano 1916, moito denantes da edición que cita Ricardo Carballo Calero. Tamén no ano 1916 pubrica Antonio Villar Ponte o seu libro “Nuestra afirmación regional”. Ises dous feitos, sin dúbida, infruiron moito no esprito dos galegos conscentes de selo e, xa que logo, no direutor do “Heraldo de Villalba” que, polo que imos ver agora mismiño, tivo parte moi activa na fundación da “Hirmandade da fala” na nosa vila.
O mesmo “Heraldo de Villalba”, no seu número 15 do 8 de Outubro de 1916 pubrica o seguinte solto: “Os amigos da fala”. –A todos os que teñan espritu rexionalista facemos saber que nista nosa vila pensamos fundar unha sociedade co nome de “Amigos da fala gallega”. Polo tanto, os que esteñan de conformidá co noso pensamento poiden asistir a unha reunión que terá nista redaución o xoves da semana que ven ás oito da noite”.
“Nista sociedade poiden e deben ingresar todos os que sintan amor á súa terriña, pois non preseguimos outra cousa que precurar que a nosa meiga fala non desaparezca, que se faga teatro e música gallega e que a nosa rexión sea conocida com´a que máis”.
Moi pouquiño tempo despois, o 4 de Novembro de 1916, no seu número 17, “Heraldo de Villalba” pubrica outro solto que dí: “Os amigos da fala. –En nuestra redacción celebrose la anunciada junta para concretar diversos aspectos relacionados con la constitución en esta villa de un grupo “d´amigos da fala gallega”. En breve se celebrará el consejo directivo. Se han asociado muchas y significadas personas”.
Foi certo. Non falaba con mortos o “Heraldo”... pois no múmero 18, datado a 19 de Novembro do mesmo 1916, xa nos fai saber, baixo o tiduo La “Hirmandade d´amigos da fala” en Villalba, que “En nuestra redacción celebrose la anunciada junta para tratar de la constitución en esta villa de la “Hirmandade d´amigos da fala”. Asistieron muchas y significadas personas, enviando otras su adhesión al acto. Entre los asistentes reinó el mayor entusiasmo, quedando constituida la enxebre asociación por los señores siguientes: D. Santiago Mato Vizoso, D. Manuel García Olano, D. Enrique Canto, D. Victor Basanta, D. Vicente García Hermida, D. Antonio Peña Novo, D. Calixto Soto, D. Manuel Felpeto, D. Cándido Cascudo, D. Francisco Basanta, D. Luis Campos Goás, D. Germán Orosa, D. Víctor Mato, D. José Cacharrón, D. Luis Peña, D. José Novo, D. Antonio Pico, D. Justo Mato, D. Plácido Peña y D. Antonio García Hermida.
Expuestos los fines principales que persiguen todas estas agrupaciones regionales y que no son otros que laborar por el bien de nuestra idolatrada Galicia, conservar “a doce fala de Rosalía” y levantar a la altura que se merece el teatro y la música gallegos, se nombró el consejo directivo, quedando integrado por los señores D. Santiago Mato, conselleiro 1º; D. Plácido Peña, conselleiro 2º; D. Antonio García Hermida, secretario; D. Enrique Canto, tesoreiro; D. Luis Campos y don Manuel García Olano, vocales.”
O cronista, lendo esto, non pode acouchar a súa satisfaución ó ver que entre os compoñentes da “Hirmandade da fala en Villalba” atópanse nada menos que o seu abó, Santiago Mato Vizoso, que resultou elexido conselleiro 1º, seu pai, Antonio García Hermida, ó elexiron segredario, e tres tíos seus: Vicente García Hermida, que era crego, hirmau do pai do cronista, e Xusto e Santiago Mato Grandío, que eran músicos, coma seu pai, Santiago Mato Vizoso. Daquela xa facía sete anos que morrera Manuel Mato, historiador e poeta, senón non deixaría de estar entre os fundadores da Hirmandade...
Moitos dos villalbeses que lean este traballiño decataranse doadamente de que a “Hirmandade de amigos da fala”, en Villalba, estivo formada polas persoas máis cultas e representativas do pobo: escritores, músicos, poetas, abogados, propietarios, comerciantes, cregos... Nembargantes, o cronista non atopa nomes de obreiros. O de sempre.
Non sabemos a cras de actividades que levou a cabo a “Hirmandade da fala” en Villalba e na súa bisbarra. Sabemos que no ano 1917 aínda vivía porque Antonio García Hermida colaboura cun poema tiduado “Rexurdimento”, na revista “A Nosa Terra”, da Cruña e ó pé do poema, debaixo da firma, faise mención de que o segredario da “Hirmandade...” na nosa vila. E supoñemos que cecais gracias a ela veu dar unha conferencia a Villalba, na “Juventud Antoniana”, Lois Porteiro Garea (“Heraldo de Villalba”, num. 60 do 19-Agosto-1918) e que Antonio Villar Ponte, xuntamente con Luis Peña Novo e outros oradores, veu falar á villabesa parroquia de Lanzós nun mitin rexionalista (“Heraldo de Villalba”, num 81 do 16 de Xulio de 1919). Despois...
...Despois o cronista non sabe máis nada, polo de hoxe, pro pensa que istos datos que foi xuntando a forza de ler vellos papés poden ter certo valor pra certos curiosos leutores e tamén poden figurar un día na historia que se faga no porvir tratando das “Hirmandades da fala” na Galicia. Eis as causas de que un home homilde coma iste cronista teime nestas custiós sacandoas a relocir cantas veces ten ocasión. E polo San Ramón é unha delas...