Poema do mítico Noriega pra gabar as zocas da Terra Chá



As zocas chairegas e concretamente as chinelas villalbesas , tan fermosas, tan xeitosiñas elas, foron louvadas por poetas i escritores de moita sona. Sin ir máis lonxe lémbrome agora mesmo de Manuel María e de Alvaro Cunqueiro. Pro... o que eu non sabía é que tamén o mítico Noriega, ese poeta que pra min é un dos millores vates galegos de tódolos tempos, ese poeta que tanto lle quixo a Villalba e a meu  pai, tuvera un belido poema composto pra gabar, como lles compre, ás zocas feitas na Terra Chá. Ise poema, que tampouco sei se pode verse nalgún dos libros do Cantor da Montaña, por exemplo en DO ERMO ou en MONTAÑESAS, libros que eu tiña pro que mos rachou sendo cativiño o nugallán do meu fillo máis vello, e logo Noriega non foi reeditado dende fai moito tempo –aló polo ano 1946– agás unha pequena escolma de DO ERMO que se pubricou na Cruña o ano 1969 “baixo o patrocinio do Honorable Concello de Viveiro, terra onde descansan os restos mortás do sempre lembrado Noriega”, ise poema, repito, atopeino pubricado nun exemplar da revista villalbesa EL ECO DE VILLALBA, correspondente ó día 1 de Xuño do ano 1908, e como a min lévame o patanexo con só pensar que un tan esgrevio poeta non esteña presente a cada intre na memoria dos galegos, é polo que poño hoxe nestas páxinas do PROGRESO, co gallo das festas do San Ramón villalbés, que é unha das meirandes e das millores festas chairegas, o  devandito poema que imos ler decontado e dí:

Tiña razón o que d´as zocas dixo:
que ll´as daban ó demo e non-as quixo:
o demo anda descalzo de pe e perna,
ou con alparagatas se goberna.
Mais ¿qué zocas lle daban? d´as chinelas
¿das cubertas quizá? ¡Donde irán elas!
Chairego, si ás que calzas non se chama
viñanme ben a min pra tripar lama.
Hai que vivir n´aldea e ver camiños,
¡metinme nun rodal hastr´os fuciños!
–Tú tel-as zocas novas e aínda campas,
as miñas xa fenderon i están lampas.
–Chairego, ¡pago a parva si me trocas
po-las miñas zoquiñas as túas zocas!
–Entérrome na lama hastr´as orellas,
¡trócame as zocas novas po-las vellas!

Non é moi longo o poema, como pode verse, pero ten a sinxeleza e a fermosura i a fondura cordial, esa espontaneidade singular, que se dan coma en ninguén na poesía de Noriega.
Penso ó chegar eiquí que iste traballiño, ademáis dun homenaxe á memoria de Noriega Varela, pode ser tamén un homenaxe ó recordo das zocas chinelas villalbesas e chairegas, xa que nos tempos que corren ben parez que, como presentía o poeta, o demo chamouse a elas e empezan a ser somente unha lembranza, unha nostalxia máis pra xunguir a tantas como firen o corazón dos que xa imos indo pra vellos. Semella que foi onte aínda, cando eu era neno e viñan homes e mulleres da Terra Chá ás feiras e ós feirós de Villalba trocar por cartos as zoquiñas chinelas que lles acaían coma un guante ós peíños das nosas rapaciñas i os zocos calugos dos que eu, sendo cativo, teño gastado máis dun par. Viñan os paisanos –os peilaos, gostaba de dicir o noso poeta Chao Ledo– e poñían as zocas á venda, no chan, enriba dun leito de palla ben enxoita, coma se foran neniños as zocas, por aquello de que en Villalba chove ou fai sol cando lle peta. Poñíanas ó longo da Rúa das Frores –¡qué nome belido do que xa moi poucos se lembran!– i os cativos íamos e ollábamos longamente pra aquelas zoquiñas chinelas, tan lixeiriñas e tan feituquiñas que mesmo daba xenio velas e que, postas nos pés andaba un con eles quentiños coma un remol. Parez que foi onte aínda... cando eu era neno.
Non sei que saudade sin orelas ven neste intre encher o meu xa canso corazón e, de súpeto, unha fermosa fadiña inspírame un pequeno poema pra que remate con íl este traballo e despois poda engadilo a calquera deses meus libriños de versos, inéditos, que andan espallados polos caixós do meu castro, o cuarto onde penso, escribo e soño:

Pola Rúa das Frores
envolto no silenzo
pasou lembrando antontes
o meu corazón de neno.
¡Cómo me firen na ialma
os coitelos do relembro!
¡Ai do corazón que xa morreu!
¡Ai do corazón que xa non teño!